08 mar 2014

A oferta turística da Comunidade galega promociónase en Noruega e Islandia

A Xunta participará no Día de España en Oslo e nunhas xornadas de apoio á comercialización turística en Reikjavik.


Turismo de Galicia desenvolve accións para a promoción e comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda.

 

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia presentará a oferta turística galega en Noruega e Islandia, dentro de dous eventos organizados en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Oslo.

 

Así, o día 11 de marzo, Turismo de Galicia participará nos actos organizados con motivo da celebración do Día de España, entre os que salientan as xuntanzas con representantes dos operadores turísticos locais e a posibilidade de expoñer os produtos turísticos galegos ao público xeral.

Ademais, dentro desta xornada está prevista a organización dunha mostra de viños españois, organizada pola Oficina comercial da Embaixada de España en Oslo.

Reikjavik
Por outra parte, entre os días 14 e 16 de marzo, a Xunta promocionará o turismo galego nas xornadas de apoio á comercialización turística que desenvolve anualmente na capital de Islandia, Reikjavik, a Oficina de Turismo de España en Oslo.

Estas xornadas, que se celebran no centro comercial Kringlan da capital islandesa, ofrecen a posibilidade de achegar a oferta turística galega ás axencias de viaxe de Islandia e ao público final deste país.

Promoción e comercialización de Galicia como destino único
O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe entre as súas liñas estratéxicas a promoción e comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda. O obxectivo é conformar unha oferta multiexperiencial articulada e un sector altamente competitivo, e promover accións de promoción e comercialización eficaces e eficientes, que permitan mellorar a visibilidade de Galicia como destino único.

Nesta liña inclúense accións destinadas á promoción para o impulso do turismo internacional que se concretan na mellora do posicionamento do destino e da marca e no lanzamento de campañas e accións específicas para os potenciais destinos emisores de turistas a Galicia.

 

Arriba