22 abr 2014

O Castelo de Monterrei poderase visitar e estará aberto todos os días do ano

As obras que se están a levar a cabo no conxunto implican a posta en valor turística dun dos bens culturais máis importantes de Galicia.

A rehabilitación do conxunto ten como obxectivo prioritario o uso público promovendo a sustentabilidade, a accesibilidade e a revitalización deste para usos culturais e turísticos.

O Parador de Turismo permitirá que Verín-Monterrei conte por primeira vez cun establecemento de referencia internacional, de 4 estrelas e aberto todos os días do ano.

A rehabilitación do Castelo de Monterrei permitirá poñer en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia e xerar riqueza na comarca. O proxecto de rehabilitación para o conxunto arquitectónico ten como obxectivo prioritario garantir o uso público e a revitalización deste para usos culturais e turísticos. De modo que todo o conxunto histórico de Monterrei poderase visitar, salvo o espazo concreto que albergará as dependencias destinadas a habitacións para os hóspedes do Parador de Turismo. As demais estancias que conforman o parador e o resto do conxunto histórico, o 83% da superficie e a totalidade dos espazos exteriores poderán ser visitados por todos os cidadáns como corresponde á súa condición de ben de interese cultural e público.

Froito da colaboración co Estado e con Paradores, o recinto albergará un Parador de Turismo de primeiro nivel engadindo así á conservación, a posta en valor do monumento que contribuirá á súa sustentabilidade así como á dinamización económica e social da contorna. O Parador de Turismo permitirá que o conxunto siga a ser público na súa totalidade e que se manteñan os seus usos culturais, ao tempo que se protexen a totalidade dos postos de traballo do actual parador. Esta nova situación do parador do Castelo permitirá que por primeira vez a comarca conte cun establecemento de referencia internacional de 4 estrelas e que permanecerá aberto os 365 días do ano.

A propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico conforma un recurso turístico propiamente dito e convértese nun reclamo en si mesmo. Existen experiencias similares nos 16 castelos que albergan paradores nacionais por toda España, así como as numerosas experiencias internacionais en países como Francia, Irlanda ou Escocia.

Intervención sustentable e que promove a accesibilidade
Tanto no que respecta aos elementos construtivos como aos acabados e distribución dos espazos, a intervención respecta ao máximo o carácter dos edificios orixinais. Promóvese o uso de materiais reciclables e sustentables na súa produción, vida útil e eliminación cando isto último sexa necesario. Búscase a valorización dos edificios tratando de amosar os elementos singulares e tentando que os espazos de máis calidade alberguen usos que precisen menos compartimentación para así aprecialos como unidade.

De igual modo, a intervención persegue acadar o maior grao de accesibilidade de modo que as intervencións baséanse na implantación de novos usos na arquitectura existente, na funcionalidade, na mellora da accesibilidade, no acondicionamento das instalacións e na ornamentación do espazo exterior.

Arriba
Axúdanos a mellorar!