20 out 2014

Salientan a potencialidade do salón “Travel Book Experience” para a internacionalización do Destino Galicia

Nava Castro, na Feira Travel Book Experience

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na inauguración do Travel Book Experience que se celebrou na Estación Marítima de Vigo e que contou tamén coa presenza do presidente da Deputación, Rafael Louzán; o vicepresidente da Deputación e responsable de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa; e o director da Escola de Organización Industrial, Fernando Bayón.

Durante o acto, Nava Castro destacou que esta bolsa de contratación é unha importante ferramenta para as empresas turísticas, xa que permite entaboar as negociacións precisas entre os distintos sectores implicados no ámbito turístico.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que o incremento do 29% na participación dos touroperadores e do 16% das empresas con respecto ao pasado ano, constata que esta bolsa de contratación está en pleno auxe como cita profesional de turismo. Así mesmo, destacou a alta participación de touroperadores internacionais, máis de 25.

Neste senso, afirmou que “esta iniciativa de intermediación entre empresas é unha excelente oportunidade para incrementar a internacionalización do destino Galicia e impulsar á creación e desenvolvemento de destinos intelixentes”. Nava Castro destacou que son de gran valor os turistas estranxeiros xa que os visitantes chegados do exterior supoñen xa un 26% das pernoctacións rexistradas na comunidade autónoma e unha facturación próxima aos 700 millóns de euros en Galicia. Destacou ademais que as Rías Baixas son, despois de Santiago de Compostela, o segundo destino máis elixido polos visitantes foráneos.

Nava Castro explicou tamén aos alí presentes as experiencias únicas que ofrece Galicia como destino turístico, destacando a Ruta das Camelias, co mellor xardín de Europa, as Rutas do Viño, as fermosas praias e, por suposto, o Camiño de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia concluíu asegurando que “Travel Book Experience é un elemento ideal na procura do afianzamento dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, cunha visión internacional”.

Arriba