19 set 2016

Turismo de Galicia promociona a práctica do golf senior en Galicia a través do IX Circuíto Cenor-Camiño de Santiago Escoitar

A participación da Xunta neste evento ten como obxectivo dar a coñecer a comunidade galega como destino de golf

Turismo de Galicia ofreceu un premio á mellor parella sénior en cada unha das probas que se celebraron fóra de Galicia para xogar hoxe a final no Real Aeroclub de Santiago
 

O Real Aeroclub de Santiago acolleu a última proba clasificatoria do IX Circuíto Cenor-Camiño de Santiago, no que Turismo de Galicia figurou como colaborador co obxectivo de promover a práctica do golf senior na comunidade galega e difundir os valores de Galicia como destino de golf.

Deste xeito, a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia, ofreceu neste circuíto un premio á mellor parella sénior de cada unha das probas celebradas fóra de Galicia consistente nun convite a participar na final.

Turismo de Galicia colaborou tamén nesta última proba do circuíto cun premio á mellor parella senior de fóra da comunidade galega, de xeito que poderá realizar unha ruta polos campos e hoteis de golf de Galicia para gozar da oferta turística galega ao longo de catro días que inclúe, así mesmo, unha visita a unha adega, unha cea nun restaurante do Grupo Nove e os xantares nos clubes dos campos onde xogen.

Participación

Nas oito probas clasificatorias que tiveron lugar en Navarra, País Vasco, Cantabria e Asturias, participaron máis de 1.000 afeccionados, dos que a metade foron golfistas de fóra de Galicia e 300 xogadores sénior.

O Circuíto de golf Cenor-Camiño de Santiago leva celebrándose ininterrompidamente desde o ano 2008. Pódese dicir que é un dos circuítos amateurs por parellas máis importantes e consolidados do norte de España.

Plan integral de Turismo de Galicia

Dentro do Plan Integral de Turismo de Galicia reflíctese a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vinculados ao turismo termal.

Así, estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Arriba
Axúdanos a mellorar!