24 nov 2015

Galicia rexistra nos dez primeiros meses deste ano a porcentaxe de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado

O incremento de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia ata outubro foi do 12,4%, rexistrando a nosa comunidade 3,7 millóns, un máximo histórico para a nosa comunidade

O turismo internacional acadou tamén neste período novos máximos históricos de viaxeiros aloxados tanto de volume, con preto de 1,1 millóns de viaxeiros e 1,7 millóns de pernoitas, como de peso, representando o 29,5% e o 24,3% respectivamente

A ocupación en Galicia rexistrou un incremento no acumulado do ano de máis de 3 puntos porcentuais situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de onte, no pasado mes de outubro Galicia experimentou un incremento do 13,2% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 377.444, e do 8,5% no caso das pernoitas, rexistrando preto de 700 mil neste décimo mes do ano.

Segundo estes datos, a nosa comunidade gañou en só dous anos preto de 90.000 viaxeiros no mes de outubro, acadando neste ano 2015 un máximo histórico no seu volume de viaxeiros aloxados. En termos de pernoitas, Galicia acadou a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que se incrementaron un 8,9% e un 7,5% respectivamente.

En termos de viaxeiros Galicia foi a cuarta comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado.

En termos de mercado, o turismo interno da nosa comunidade –correspondente ao dos residentes en Galicia- rexistrou un incremento do 3,6% en relación ao pasado ano. O volume de viaxeiros residentes incrementouse nun 9,5% achegándose ao nivel dos 90.000 neste mes de outubro, a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

O turismo receptor nacional –aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou neste mes de setembro un 8,5% as súas pernoitas acadando 345.000 e un 9,2% os seus viaxeiros.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos, acadando novamente no pasado mes de outubro máximos históricos tanto de volume –con 123.184 viaxeiros aloxados e 185.000 pernoitas- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 32,6% do total de viaxeiros e o 26,5% das pernoitas-.

A nivel territorial as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo da demanda hoteleira, destacando o incremento producido en Pontevedra do 15%. Pola súa parte, A Coruña rexistrou un incremento do do 4,4%, Ourense do 6,1% e Lugo do 7,9%.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 2,76 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste décimo mes do ano, nun 5,4%.

A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de outubro, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 13,1%-.

Acumulado do ano
No primeiros dez meses do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 12,4% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 3,7 millóns. Melloraron tamén as pernoitas incrementándose un 9% neste caso e rexistrando preto de 7 millóns neste período.

É o terceiro ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda neste período de dez meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no acumulado de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados. Así mesmo, en termos de pernoitas Galicia acadou neste período a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

O crecemento da demanda nestes últimos tres anos acontece ademais cunha intensidade cada vez maior, sendo do 1,7% en 2013, do 5,6% en 2014 e do 9,0% agora en 2015. A recuperación está consolidada e Galicia marca neste ano, ata o mes de outubro, unha senda de continuidade que leva a rexistrar máximos históricos.

A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 5,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 4,2% no que atinxe ás pernoitas. En termos de viaxeiros aloxados, Galicia rexistrou a porcentaxe de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.

O turismo interno creceu nestes dez primeiros meses do ano nun 2,2%, incrementando os seus viaxeiros aloxados nun 7,7%.

O turismo receptor nacional incrementouse nun 10,0% mentres que o internacional subiu un 14,4%, porcentaxes que se incrementan ata o 11,4% e o 18,1% respectivamente no relativo aos viaxeiros aloxados.

O notable incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un máximo histórico tanto de volume –con preto de 1,1 millóns de viaxeiros aloxados e 1,7 millóns de pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 29,5% dos viaxeiros e o 24,3% das pernoitas-. Este segmento de mercado acumula catro anos de crecemento consecutivo sendo os últimos tres de notable intensidade: do 9,2% en 2013, do 12,3% en 2014 e do 14,4% agora en 2015.

Como consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en máis de tres puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Arriba
Axúdanos a mellorar!