27 xuñ 2016

O turismo acada en Galicia un máximo histórico ao rexistrar no que vai de ano máis de 1.200.000 viaxeiros

A nosa comunidade rexistrou nos cinco primeiros meses deste ano un incremento da súa cifra de viaxeiros do 5,8% en relación ao mesmo período de 2015

Galicia mellorou tamén as pernoitas dos seus establecementos hoteleiros nun 5,6%, superando a cifra das 2,2 millóns

O turismo internacional acadou cifras históricas tanto neste período de cinco meses ao sumar máis de 325.000 viaxeiros e preto de 520.000 pernoitas

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), nos cinco primeiros meses deste ano 2016 Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados do 5,8% en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando un total de 1.241.384. A nosa comunidade mellorou tamén as pernoitas dos seus establecementos hoteleiros nun 5,6%, neste caso, superando a cifra das 2,2 millóns.

É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira nos cinco primeiros meses do ano acadando neste 2016 a nosa comunidade un máximo histórico de viaxeiros neste período e a cifra de pernoitas máis elevada desde 2010.

A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 7,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 9,5% no que atinxe ás pernoitas.

En termos de mercado, o turismo interno rexistrou un incremento do 1,7% nas súas pernoitas e do 6,5% na súa cifra de viaxeiros aloxados. Grazas a este crecemento o mercado interno acadou nestes cinco primeiros meses do ano a cifra de pernoitas máis elevada dos últimos catro anos con preto de 700.000.

No que se refire ao turismo receptor nacional, Galicia incrementou as súas pernoitas nun 8,2% e os seus viaxeiros nun 6,0% aproximándose por primeira vez dende 2010 ao nivel do millón de pernoitas.

Pola súa parte, o turismo internacional superou nun 6,4% pernoitas e nun 4,8% os viaxeiros rexistrados neste período no pasado ano. Estes incrementos sitúan os niveis de demanda en máis de 325.000 viaxeiros e preto de 520.000 pernoitas, cifras que supoñen un máximo histórico en Galicia neste período de cinco meses.

Como consecuencia do incremento da demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en 1,1 puntos porcentuais, para situarse na porcentaxe máis elevada dos últimos seis anos.

Demanda hoteleira no mes de maio
No pasado mes de maio Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados e pernoitas nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 2,6% e 3,2% respectivamente, en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando 382.722 e 649.732 respectivamente.

É o cuarto ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira neste mes acadando a nosa comunidade un máximo histórico de viaxeiros no mes de maio e o nivel de pernoitas máis elevado dos últimos seis anos.

En termos de volume o incremento tradúcese en 9.629 novos viaxeiros e 20.146 novas pernoitas en comparación coas cifras rexistradas en maio de 2015.

A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 5,0% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 9,9% no que atinxe ás pernoitas.

En termos de mercado, o turismo interno rexistrou un incremento do 4,7% na súa cifra de viaxeiros aloxados e o receptor nacional incrementou as súas pernoitas nun 3,1% no pasado mes de maio.

Pola súa parte, o mercado internacional superou nun 9,1% as pernoitas e nun 5,1% os viaxeiros rexistrados en maio de 2015 acadando neste ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados – con preto de 160.000- como de pernoitas –con preto de 230.000-.

En relación aos niveis de ocupación, o sector hoteleiro de Galicia mellorou no mes de maio a cifra acadada en 2015 en 1 punto porcentual acadando a porcentaxe máis elevada dos últimos seis anos.

O incremento dos niveis de demanda e ocupación neste mes de maio, acontecida nun contexto de suba tamén dos prezos hoteleiros, ten como consecuencia que os establecementos hoteleiros de Galicia mellorasen os niveis de rendibilidade en relación ao mes de maio de 2015. Así, o RevPAR subiu un 7,2%.

Incremento peregrinos
Tamén no ámbito do Camiño de Santiago, a nosa comunidade está rexistrando neste ano importantes incrementos acadando cifras históricas.

No que vai de ano selaron a súa Compostela un total de 90.558 peregrinos o que supón un aumento do preto do 8% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Arriba
Axúdanos a mellorar!