15 ago 2016

As bandas de música de Catoira e Moaña protagonizaron esta fin de semana o ciclo de concertos ‘Música no Camiño’

O ciclo comprende un total de 24 actuacións durante os meses de xuño, xullo e agosto

No marco desta iniciativa xa se celebraron un total de 19 concertos neste verán que tiveron grande éxito

Os concertos teñen lugar na Praza das Praterías, en Compostela, unha vez rematada a Misa do Peregrino

O obxectivo é contribuír a difundir a cultura galega e a promover as bandas de música populares de Galicia entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño
 

A Banda de Música de Catoira e a Banda de Música Popular de Moaña "Airiños do Morrazo" foron as protagonistas a pasada fin de semana do ciclo de concertos “Musica no Camiño”, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.

O ciclo comprende un total de 24 actuacións durante as fins de semana e festivos dos meses de xuño, xullo e agosto. De feito, ata agora xa se celebraron no marco desta iniciativa un total de 19 concertos neste verán que tiveron grande éxito.

O lugar de celebración é na Praza de Praterías de Santiago de Compostela, a partir das 20:30 horas, unha vez rematada a Misa do Peregrino.

Os concertos teñen unha duración aproximada de sesenta minutos e na súa maior parte interpretan obras de autoría ou temática galega para contribuír a difundir a cultura galega e a promover as bandas de música populares de Galicia entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño.

Deste xeito, os camiñantes tamén poden deleitarse con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custo. Trátase así dun xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante a Ruta Xacobea.

O próximo fin de semana será o último deste ciclo de concertos que rematará coas actuacións da Banda de Música Unión de Lantaño, a Agrupación Musical da Limia e a Banda Municipal de Música de Boiro o venres 19, sábado 20 e domingo 21 de agosto respectivamente.
 

Arriba