19 dec 2016

Turismo de Galicia pon en valor os beléns da Catedral de Santiago como reclamo turístico para este Nadal

As instalacións da Catedral acollen un nacemento popular e a Igrexa de San Martiño Pinario alberga outro de estilo napolitano

Cada un destes beléns ten unha extensión de entre 50 e 60 metros cadrados e presenta ao redor de 600 figuras, algunhas delas en movemento

O programa ‘Un paseo polo Nadal de Galicia’ inclúe 17 actividades belenísticas, os mercados de Nadal das grandes cidades e unha oferta cultural e de artesanía

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou o potencial de Galicia como destino multiexperiencial e cunha interesante oferta turística ao longo de todo o ano grazas a actividades como os beléns da Catedral de Santiago de Compostela, inaugurados pola directora e o Deán da Catedral, Segundo Pérez.

As persoas interesadas xa poden achegarse a contemplar estes dous nacementos, un deles de estilo popular instalado na propia Catedral e que se pode visitar en horario de 7 a 20.30 horas; e outro de estilo napolitano situado na Igrexa de San Martiño Pinario, aberto ao público de 11 a 13.30 e de 16 a 18.30 horas. A directora explicou que cada un destes beléns ten unha extensión de entre 50 e 60 metros cadrados e ao redor de 600 figuras, algunhas delas con movemento no caso do belén de estilo napolitano.

Xunto ás escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, amósanse diversos acontecementos da vida cotiá que representan oficios tradicionais e diversas situacións diarias e paisaxes.

Nava Castro resaltou o traballo artesanal e gran detalle destes beléns, así como o seu gran tamaño e subliñou que atraerá a miles de turistas a Galicia dende todos os puntos do país durante esta festividade.

‘Un paseo polo Nadal de Galicia’

Os beléns da Catedral de Santiago están incluídos no programa “Un paseo polo Nadal de Galicia”, posto en marcha por Turismo de Galicia para promover a oferta turística da Comunidade nesta época do ano.

A proposta recolle numerosas actividades especiais como os beléns, salpicados por toda a Comunidade; os mercados de Nadal das sete grandes cidades; actividades de artesanía como Artenadal, en Lugo, ou Ofeitoaman, en Vigo; e iniciativas de tipo cultural como o “Nadal no Gaiás” e outros eventos de música, teatro, xogos ou concursos.

Nava Castro explicou que o programa presentado propón un total de 17 actividades belenísticas entre os que cabe salientar o belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o belén electrónico de Begonte, en Lugo, xa que os dous están declarados Festa de Interese Turístico de Galicia.

Ademais, a Comunidade conta con recoñecidos beléns históricos como o belén xigante de Viveiro, feito a escala natural e salientable pola súa ambientación e realismo; o belén de Arturo Baltar en Ourense, formado por unhas cincocentas pezas entre as que se poden recoñecer personaxes populares da cidade das Burgas; o da Grande Obra de Atocha, na Coruña, inaugurado en 1923 e que presenta un mapa a escala de Xerusalén e conta cunha superficie de 120 m2 e 150 figuras artesanais; o belén do Edificio Liceo de Betanzos, que representa con narración gravada e movemento a historia, xeografía, etnia e actividades diversas; e o belén da Orde Terceira en Ferrol, con máis de 60 anos de historia e máis de 200 figuras con movemento.

Outros beléns que tamén se inclúen no programa como proposta para este Nadal son o da Catedral de Tui, o de San Vicente de Cespón en Boiro, o belén parroquial de San Marcos en Corcubión, o belén artesanal en movemento de Gondomar, o belén familiar de Conxo en Santiago de Compostela e o belén de Erville en Mos.

Así mesmo tamén se poden visitar os beléns participantes no XXI Concurso de beléns de Ourense, as actividades do concurso de belenismo da Asociación de Belenistas de Lugo e os participantes no 51º Concurso de beléns da Fundación Abanca, en Vigo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!