27 feb 2017

A Xunta promove o destino turístico Galicia en Navarra e Dinamarca

Turismo de Galicia participou nos certames sectoriais Navartur e Ferie for Alle

Os produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura, así como o Camiño de Santiago son os máis demandados nestes mercados

 O labor de promoción de Turismo de Galicia centrouse  a pasada fin de semana en dous certames de carácter xeral que se desenvolveron en Pamplona e na cidade danesa de Herning.

Así, Turismo de Galicia promoveu o noso destino en Navartur, un certame turístico que se desenvolveu na capital navarra dedicado tanto a profesionais como ao público xeral.

Pola afluencia de público, esta feira é a principal cita turística de Navarra, e ademais da área de exposición, conta con distintas actividades divulgativas relacionadas co Turismo.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta participou cun expositor que difunde a oferta turística galega e o Camiño de Santiago, un dos produtos máis demandados nesta feira ao ser esta unha comunidade de paso da Ruta xacobea.

Promoción en Dinamarca

Por outra parte, Turismo de Galicia estivo presente tamén a pasada fin de semana no certame Ferie for Alle, o certame turístico con maior repercusión de Dinamarca. Esta foi a súa XIX edición e estivo dedicada ao sector turístico xeral, con especial incidencia na natureza e a cultura.

Turismo de Galicia participou nesta feira por segundo ano consecutivo ao obxecto de reforzar a promoción da nosa Comunidade autónoma neste mercado.Un mercado que, o ano pasado achegou 15.000 viaxeiros e preto de 21.000 pernoitas aos establecementos hoteleiros de Galicia.

En temos dinámicos, o mercado danés superou en 2016 os niveis de demanda do anterior ano 2015 nun 6% como consecuencia dunha mellora da estadía media.

Arriba
Axúdanos a mellorar!