13 mar 2017

Feijóo refírese á rehabilitación do Castelo de Pambre como unha obra patrimonio de todos os galegos que contribuirá a engrandecer os Camiños de Santiago

 Afirma que este tipo de actuacións reforzan o potencial do Camiño para que 2017 volva ser un ano récord de peregrinos como foi 2016 e para preparar o mellor Ano Santo Xacobeo 2021

Destaca a creación dun Centro de interpretación que ofrece unha proxección multimedia, ilustra a importancia histórica deste edificio, ofrece un percorrido pola Idade Media en Galicia e repasa as vicisitudes polas que pasou o castelo

Refírese a outras intervencións para reforzar o potencial do Camiño, como a rehabilitación do pazo de Xelmírez, na praza do Obradoiro; ou a transformación do antigo asilo da rúa Carretas nun Centro internacional de acollida ao peregrino

 

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á recuperación do Castelo de Pambre como unha “obra patrimonio de todos os galegos” que contribuirá a engrandecer os Camiños de Santiago. “Estamos ante o monumento máis representativo da comarca da Ulloa, un dos poucos exemplos de arquitectura militar da Idade Media que conservamos en Galicia”, aseverou, incidindo en que este tipo de actuacións reforzan o potencial do Camiño para que 2017 volva ser un ano récord de peregrinos como foi 2016 e para preparar o mellor Ano Santo Xacobeo 2021, “esperemos o mellor Ano Santo da historia”.

Durante unha visita ao castelo, Feijóo lembrou que a Xunta mercou en 2011 esta torre, coa finalidade de non deixar esmorecer un elemento tan importante do patrimonio da comunidade, iniciando un ambicioso proxecto de rehabilitación.

Máis polo miúdo precisou que, ademais da restauración dos muros do recinto fortificado, o traballo dos arqueólogos permitiu coñecer elementos da fortaleza como o alxibe ou varias tumbas anexas á capela máis antiga que o castelo. “E tamén se recuperou a calzada de pedra que levaba á entrada principal e se rehabilitou a zona residencial”, engadiu.

Así mesmo, destacou a creación dun Centro de interpretación que ofrece unha proxección multimedia, ilustra a importancia histórica deste edificio, ofrece un percorrido pola Idade Media en Galicia e repasa as vicisitudes polas que pasou o castelo.

Nese obxectivo de reforzar o potencial do Camiño, o presidente da Xunta referiuse a outras intervencións coma a rehabilitación e acondicionamento do pazo de Xelmírez, na compostelá praza do Obradoiro; á transformación do antigo asilo da rúa Carretas nun Centro internacional de acollida ao peregrino, tamén na capital galega; á rehabilitación da Casa Pasarín, no casco histórico da Fonsagrada, e á rehabilitación do Castelo de Monterrei.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!