13 mar 2017

Tres cidades de Nova Zelanda e Australia acolleron presentacións da oferta turística galega

Turismo de Galicia reuniuse cos operadores turísticos máis importantes destes dous países en Auckland, Melbourne e Sidney

Nestas presentación participaron máis dun cento de axentes de viaxes locais

Manter e afondar o contacto coas principais empresas organizadoras de viaxes turísticos de Nova Zelanda e Australia foi o obxectivo das presentacións da oferta turística galega que desenvolveu Turismo de Galicia nas cidades de Aucklan, Melbourne e Sidney.

O departamento de Turismo da Xunta participou xunto á Oficina de Turismo de España en Singapur, no acto de presentación do destino Galicia aos axentes de viaxes máis representativos da cidade neozelandesa de Auckland e a súa contorna.

Así mesmo, os operadores turísticos da cidade de Melbourne e os de Sidney achegáronse á oferta turística turística galega nas presentacións que organizou Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Singapur.

Produtos turísticos

Nestas presentacións, nas que participaron máis dun cento de operadores locais, Turismo de Galicia fixo fincapé na difusión dos produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura, así como a gastronomía e os servizos hostaleiros da Comunidade galega.

Ademais, o departamento de Turismo da Xunta presentou o Camiño de Santiago nestes países cuxa presenza no ámbito xacobeo comeza a despuntar. Así, no ano 2016, chegaron a Compostela 5.219 peregrinos australianos e neocelandeses, o que representou un incremento do 14,7% en relación ao 2015.

Mercado emerxente

Australia e Nova Zelanda constitúen un dos mercados emerxentes máis interesantes para a Comunidade galega, tendo en conta o incremento de viaxeiros que se rexistra e que en toda España xa superan os 200.000 anuais.

Neste sentido, a Comunidade galega conta cos recursos turísticos precisos para atraer esta demanda, relacionados coa cultura, a gastronomía e a natureza para os distintos segmentos de idade.

 

Arriba