11 abr 2017

Turismo de Galicia presenta a oferta turística galega aos operadores suramericanos no certame ‘WTM Latin América’

 O departamento de Turismo da Xunta participou por segunda vez neste certame celebrado na cidade brasileira de São Paulo

 

Con máis de 136.000 viaxeiros aloxados e 251.000 pernoitas no pasado ano 2016, o mercado do centro e o sur de América representou o 11% do total da demanda internacional de Galicia

Brasil, con máis de 4365 compostelas, ocupou en 2016 o décimo lugar como país estranxeiro con máis peregrinos que realizaron o Camiño de Santiago

 A oferta e os servizos turísticos galegos estiveron presentes na feira World Travel Latin America que se celebrou na cidade brasileira de São Paulo.

Esta foi a segunda vez que Turismo de Galicia participou neste certame profesional que este ano celebrou a súa cuarta edición, dentro do marco do encontro anual da Asociación Brasileira de Operadoras de Turismo.

Nesta nova edición da World Travel Latin America, o departamento de Turismo da Xunta contou cun espazo propio para a promoción do turismo galego e para manter reunións cos profesionais interesados na oferta turística galega.

Ademais, nesta edición, xunto a Turismo de Galicia, un representante do Clúster Turismo de Galicia participou nesta feira ao obxecto de reforzar as relacións empresariais cos operadores brasileiros

A oferta turística galega resulta de gran atractivo en Brasil tanto pola proximidade do idioma como pola variedade dos seus recursos, entre os que valóranse de maneira especial a enogastronomía e o Camiño de Santiago.

Precisamente, Brasil, ocupou en 2016 o décimo lugar como país estranxeiro do que procederon máis peregrinos, con preto de 4.365.

Mercado americano


En termos de demanda, o mercado americano –agás os Estados Unidos- rexistrou en 2016 máis de 136.000 viaxeiros aloxados e de 251.000 pernoitas nos establecementos de Galicia, o que representa o 11% do total internacional.

Este mercado mostrou un comportamento moi positivo en 2016 superando nun 15,8% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 13,8% o nivel de pernoitas do anterior ano 2015.

Arriba
Axúdanos a mellorar!