24 abr 2017

Turismo de Galicia promove o turismo de cruceiros no evento Cruise 360 Florida

 Vén de presentar a oferta turística de Galicia e as posibilidades da comunidade galega aos operadores especializados na contratación de cruceiros máis importantes do leste dos Estados Unidos de América

A comunidade galega recibiu o ano pasado preto de 110.000 viaxeiros norteamericanos, un 9,7% máis que no ano 2015, un máximo histórico para este mercado

 Promover Galicia como destino de cruceiros no leste dos Estados Unidos de América foi o obxectivo da participación de Turismo de Galicia no evento Cruise 360 que vén de celebrarse na cidade de Fort Lauderdale (Florida).

Trátase dunha xuntanza profesional na que participan os operadores turísticos especializados máis importantes desta área xeográfica, na que se desenvolven reunións de traballo, seminarios e conferencias, nas que Turismo de Galicia vén de contactar cos operadores turísticos e consignatarios norteamericanos.

Deste xeito, realizáronse xuntanzas individuais con axentes turísticos especializados en cruceiros, participouse en distintas reunións colectivas para difundir os valores e os servizos turísticos de Galicia, en xeral, e a capacidade para atraer cruceiros, en particular.

Mercado norteamericano

Con preto de 110.000 viaxeiros aloxados e de 170.000 noites nos establecementos regrados de Galicia o mercado norteamericano sitúase como o quinto máis importante da comunidade por detrás de Portugal, Alemaña, Italia e Francia e por diante de Reino Unido. Representa en 2016 o 7,5% do total internacional.

No ano 2016, este mercado presentou un comportamento positivo con incremento tanto da cifra de viaxeiros aloxados -do 3,9%- coma das pernoitas -do 9,7% neste caso-.

Ese foi o quinto ano consecutivo no que o mercado americano presentou unha dinámica positiva en Galicia, circunstancia que permite acadar en 2016 máximos históricos na nosa comunidade.

Polo que respecta ao ano 2017, o mercado norteamericano mantén o seu comportamento positivo nos dous primeiros meses, superando nun 7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 4% o nivel de pernoitas do mesmo período do pasado ano. 

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!