19 out 2017

A Xunta conmemorará nas próximas semanas o 30 aniversario do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo

 Nava Castro e Anxo Lorenzo presentaron o programa especial organizado por Turismo de Galicia, que dará comezo o vindeiro luns cun acto oficial e un concerto de Amancio Prada na Catedral de Santiago

 
Ata o 18 de novembro, a capital galega acollerá varios seminarios e congresos que repasarán a evolución do fenómeno xacobeo e reflexionarán sobre o seu futuro
 
Membros das principais institucións europeas, da Unesco, da European Travel Comissión e da World Tourism Organisation participarán nos actos programados
 
O Camiño de Santiago acaba de superar os 280.000 peregrinos, a cifra máis elevada da súa historia, dos que ata o 55% proceden de 177 nacionalidades diferentes
 
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou “a riqueza cultural” que as rutas xacobeas representan e afirmou que todos os galegos deben sentirse “orgullosos do traballo común desenvolvido no Camiño de Santiago neste tempo”
 
Cultura colabora co concerto de Amancio Prada na Catedral de Santiago para facer partícipe a cidadanía desta efeméride de singular transcendencia para Galicia
 
XXX Aniversario da Declaración do Camiño con I Itinerario Cultural Europeo

A directora de Turismo, Nava Castro, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron  o programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, organizado por Turismo de Galicia. A celebración comezará o próximo luns, no mesmo día no que se cumpren tres décadas do recoñecemento do Consello de Europa, e estenderase ata o 18 de novembro.

Con esta programación, a Xunta de Galicia lembrará unha data clave na historia recente do fenómeno xacobeo, co impulso dos seus valores e a súa revitalización como espazo clave na configuración da identidade europea. Neste sentido, Nava Castro afirmou que todos os galegos deben sentirse “orgullosos do traballo común feito ao redor do camiños de Santiago ao longo deste tempo, sen o que non se entendería o progreso da nosa Comunidade”.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou a relevancia universal do fenómeno xacobeo, “símbolo de hospitalidade e fraternidade que está na orixe da construción de Europa”. Para o secretario xeral de Cultura, o Camiño é “un espazo cultural e patrimonial vivo que os poderes públicos temos o deber de coidar e de preservar, de promover e de dinamizar.

A conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo servirá, ao mesmo tempo, para recapitular o acadado e sentar as bases dos retos e as oportunidades nunha época na que os valores da ruta seguen estando vixentes. Nesta programación especial implicaranse numerosas institucións internacionais, europeas, nacionais e galegas, ademais da sociedade civil, cunha forte presenza do mundo académico e a universidade, crucial na configuración do fenómeno xacobeo contemporáneo.

Comité Executivo do Consello Xacobeo

O Hotel Monumento San Francisco acollerá o luns o acto oficial da conmemoración, ao que seguirá esa mesma tarde un concerto do artista Amancio Prada na Catedral de Santiago, xunto á Escolanía do santuario e aos Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Desde ese mesmo luns día 23 e ata o mércores 25, terá lugar o seminario Camiño de Santiago e Europa, organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións da Universidade de Santiago (USC), en colaboración co Grupo Compostela de Universidades. Este encontro, con relatorios, mesas de debate e laboratorios prácticos desenvolverase no Paraninfo da USC e Museo das Peregrinacións e de Santiago. Nel, catedráticos, profesores e especialistas de varios países afondarán na realidade da ruta xacobea desde perspectivas variadas como a antropoloxía, o patrimonio, a sustentabilidade, as políticas públicas, a arte, ou a historia, entre outras. Marcelino Oreja, que no ano 1987 dirixía o Consello de Europa, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural. Tamén neses tres días reunirase na capital galega o Comité Técnico da Federación Europea do Camiño de Santiago e, na xornada do luns, fará o propio o Comité Executivo do Consello Xacobeo, co fin de avanzar en diversas liñas de traballo entre as comunidades polas que discorre a ruta xacobea.

Premios Camiño de Santiago 2017

Un día despois, o martes 24, entregaranse os Premios Camiño de Santiago 2017, cos que se recoñece o traballo neste eido de institución públicas, asociacións, empresas, colexios, universidades e investigadores, afondando nos obxectivos do Consello de Europa.

O programa conmemorativo proseguirá en novembro, con tres citas máis. A primeira será o día 6, cun Encontro dos Itinerarios Culturais Europeos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). Seguiralle, desde o xoves 9 ata o sábado 11, o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos impulsado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e que nesta ocasión leva por título Iacobus Patronus. Finalmente, porase o broche de ouro á conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo co International Seminar on Transnational Tourism Themes and Routes, organizado por Turismo de Galicia xunto á European Travel Comission (ETC) e a World Tourism Organisation (UNWTO). Nesta cita estarán presentes os responsables de ambos organismos, ademais de membros de institucións tan relevantes como a Unesco, o Parlamento e a Comisión Europea, o Instituto Europeo de Rutas Culturais, a Asociación Europea de Turismo (ETOA), Ibertur ou a Federación Europea de Cidades Napoleónicas.

Oportunidade na que seguir traballando

Durante a rolda de prensa, Nava Castro avanzou que precisamente esta semana o Camiño de Santiago acaba de superar a cifra de peregrinos do ano pasado, co que acada o seu récord absoluto. Das máis de 280.000 Compostelas entregadas na Oficina do Peregrino no que vai de ano, o 55% recolléronas camiñantes chegados desde fóra de Galicia, en concreto de 177 nacionalidades, o que constitúe, como sinalou a directora de Turismo, “unha enorme riqueza cultural e unha oportunidade de desenvolvemento económico e social que debemos saber aproveitar”. “Temos que celebrar –declarou– que Europa segue a facerse peregrinando”.

Antes de rematar, tivo palabras de lembranza para cantos traballaron en prol do Camiño de Santiago ao longo destes 30 anos. Ao mesmo tempo, chamou a todos a seguir traballando coa vista posta no Xacobeo 2021, para o que Turismo de Galicia executa desde hai xa dous anos o Plan director do Camiño de Santiago, cun investimento de 56 millóns de euros.

 

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!