09 mar 2018

Nava Castro destaca en Sevilla o crecente interese de produtos como a Ruta da Camelia para as escapadas de inverno e primavera

 A directora de Turismo inaugurou no mercado gourmet Lonja del Barranco a campaña itinerante ‘Viños e camelias’ que inclúe iniciativas no mes de marzo para promover esta experiencia singular con catas de viño e actividades culinarias

 
O andaluz é o primeiro mercado nacional do Camiño de Santiago e en Galicia é o terceiro en número de turistas, cun incremento de máis dun 9% neste inicio do ano
Acto de presentación de Viños e camelias en Sevilla.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou en Sevilla Viños e camelias, a campaña promocional itinerante que se celebrará durante todo este mes na capital andaluza coa intención de impulsar en mercados nacionais a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas.

Como explicou, produtos singulares como este están a reforzar o papel de Galicia como un destino para visitar en calquera época do ano, converténdose nunha opción cada vez máis atractiva tamén para as viaxes curtas e escapadas de inverno e primavera, coincidindo coa época de floración da camelia. “É unha experiencia completa que impulsamos desde hai anos porque permite coñecer mellor a Comunidade a través dos nosos sabores, patrimonio e paisaxes”, dixo Nava Castro recordando a importancia para mercados como o andaluz.

No eido do Camiño de Santiago, Andalucía é a primeira comunidade autónoma española en número de peregrinos e en Galicia é o terceiro mercado nacional en número de turistas, cun incremento de máis dun 9% neste inicio de ano. Os viaxeiros andaluces visitan cada vez máis días a Comunidade galega, cun aumento da estadía media de máis do 9,5%.

Itinerario único en Europa

A campaña inaugurada hoxe permitirá probar durante todo o mes de marzo no mercado gourmet Lonja del Barranco unha selección de viños da D.O Rías Baixas, nun lugar destacado na viñoteca do recinto que, ademais, está decorado cun bosque de viños e camelias. Tamén están programadas catas de viño e instalouse un punto de información turística da Comunidade galega. “Esta é unha perfecta mostra do que ofrecemos en Galicia a través dos 12 parques e xardíns deste itinerario, único en Europa”, incidiu.

Durante o acto de inauguración púxose en valor, ademais, a versatilidade deste recurso, cun cóctel de produtos galegos elaborado polo chef Pepe Solla, así como con dous puntos de produtos cosméticos de camelia e outro de punto de degustación de té desta flor.

A campaña Viños e Camelias dá resposta ao traballo do Goberno galego, recollido da Estratexia do turismo de Galicia 2020, por proporcionar nos mercados nacionais e internacionais recursos singulares como a Ruta da Camelia. Chega este ano a Andalucía tras o éxito de 2017, cando recalou no País Vasco con máis de 11.000 visitantes.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!