27 abr 2018

Turismo mobiliza 1,3 millóns de euros que diversifican os beneficios da actividade turística en 81 concellos

 O Consello da Xunta autoriza a sinatura de seis convenios de colaboración entre Turismo de Galicia e diferentes destinos

Os destinatarios destes acordos plurianuais serán a Mancomunidade do Salnés, o Consorcio Turismo Ribeira Sacra, a Mancomunidade de Terras de Pontevedra, a Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa Zona Norte, a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, así como a CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo)
 
Impulsaranse accións de promoción e internacionalización, crearanse e consolidaranse novos produtos e mellorarase a accesibilidade e a implantación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías no turismo

 O Consello da Xunta autorizou a subscrición de seis convenios de colaboración entre Turismo de Galicia e diferentes destinos da Comunidade que permitirán seguir diversificando os beneficios socioeconómicos e culturais da actividade turística. Os acordos mobilizarán un investimento de preto de 1,3 millóns de euros con 81 concellos das catro provincias como destinatarios.

No marco desta colaboración entre o Goberno galego e as administracións locais, prevense actuacións de promoción e internacionalización e de creación e mellora de novos produtos con base nos recursos propios de cada zona. Así mesmo, contribuirá a mellorar a accesibilidade de diversos xeodestinos e a implantación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías no eido turístico.

En concreto, os seis acordos, que estarán vixentes ao longo dos dous vindeiros anos, serán asinados coa Mancomunidade do Salnés, o Consorcio Turismo Ribeira Sacra, a Mancomunidade de Terras de Pontevedra, a Mancomunidade de municipios da Ría de Arousa Zona Norte, a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol e CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo).

No marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a Xunta afonda desde xeito na súa aposta por consolidar a comunidade como un destino diversificado que é quen de ofrecer atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía galega. 

En cada zona, póñense en valor os seus mellores recursos propios, o que axuda a especializar a oferta e a desestacionalizar a chegada de visitantes, sempre con dúas premisas: a calidade e a sustentabilidade a todos os niveis.  

Ao abeiro destes convenios, procurarase a sensibilización dos visitantes e dos propios veciños de cada comarca sobre a importancia de preservar e poñer en valor un patrimonio que, ademais de ter unha clara proxección turística coa súa incidencia económica, é importante desde o punto de vista natural e cultural.

 

Arriba