04 set 2018

‘Música no Camiño’ despídese na praza de Praterías despois de 25 concertos a cargo de bandas populares durante o verán

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á última actuación deste ciclo musical, a cargo da banda Unión Cultural de Campo Lameiro

 
A iniciativa estivo organizada un ano máis por este departamento autonómico xunto coa Federación Galega de Bandas Populares para difundir a tradición musical
 
Enmárcase no traballo da Xunta, incluído no Plan director do Camiño de Santiago, por reforzar a cidade de Santiago de Compostela como meta da ruta xacobea 
Concerto de clausura de Música no Camiño.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu en Santiago de Compostela á última actuación de Música no Camiño, o ciclo de concertos organizado por este departamento autonómico en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música que se celebrou na capital galega durante o verán.

Como en cada edición, Música no Camiño desenvolveuse entre xuño e agosto na praza de Praterías de Santiago de Compostela e contou coa participación dun total de 25 bandas de música popular que ofreceron concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Incluíronse obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.

Na iniciativa, que contou cun gran éxito de público, participaron diferentes bandas de música popular de Galicia, coa intención de difundir a cultura xacobea e promocionala entre galegos e visitantes que viaxan á Comunidade durante o verán. Este programa responde ás aspiracións do Goberno galego por fortalecer a cidade de Santiago de Compostela como meta do Camiño, un dos compromisos incluídos no Plan director do Camiño de Santiago.

Esta folla de ruta do Goberno galego vén desenvolvendo desde 2015 importantes melloras na ruta xacobea coa vista posta no Xacobeo 2021. A liña de actuación para reforzar o papel da capital galega inclúe a mellora dos seus elementos patrimoniais, optimización de infraestruturas e mellora dos servizos de atención, así como a posta en marcha de iniciativas de carácter cultural e turístico que dinamicen a experiencia dos peregrinos.

 
Arriba