21 nov 2018

A Cátedra do Camiño de Santiago outorga o premio de investigación a un traballo inédito sobre a peregrinación en Italia

 Afonda nun dos capítulos menos coñecidos do itinerario cara ao santuario de San Miguel por vías secundarias con destacada presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo

 
Trátase da segunda edición destes galardóns que impulsa esta iniciativa académica creada por Cultura e Turismo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral
Premio da Cátedra do Camiño de Santiago.

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo coa Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral, entregou  no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela o seu premio de investigación á italiana Antonella Palumbo por un traballo inédito ao redor da peregrinación en Italia

No acto -que contou coa presenza do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do director da Cátedra, Domingo González Lopo, e do deán da Catedral, Segundo Pérez- fíxose entrega do galardón a esta investigadora, autora dunha obra que compara a peregrinación a Santiago de Compostela e ao santuario de San Miguel en Monte Gargano, no sur de Italia. Para outorgar este recoñecemento, valorouse a súa orixinalidade e a especial atención prestada a un dos capítulos menos coñecidos da peregrinación nas vías secundarias (os tratturi), onde era destacada a presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo Santiago e ao Arcánxel.

O premio outorgado pola cátedra suporá un impulso económico para que a autora poda continuar coa súa investigación e facilitaralle o acceso á documentación e bibliografía presente na biblioteca da cátedra, situada no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela. Antonella Palumbo recolle así o testemuño da profesora Rosana Bianco, da Universitá degli Studi de Bari, a premiada na primeira edición.

A este recoñecemento súmanse as bolsas que este ano, por vez primeira, outorgou esta cátedra. Trátase dun estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro sobre os hospitais do Camiño de Santiago que permitirá facer un cartografado destas infraestruturas, a cargo de Estefanía López.

Divulgación da Ruta Xacobea

En todos os casos a cátedra valorou que se tratase de proxectos a través dos que se afonda na identidade histórica da Ruta Xacobea, aliñándose así cos obxectivos da Xunta de Galicia. Xunto estas iniciativas, durante este ano tamén se puxo en marcha a súa páxina web colaborouse cos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago, organizouse o II Seminario Internacional: diversas visións do culto e a devoción xacobea en Europa e organizou xunto ao Grupo Compostela de Universidades o Congreso Internacional O ano do patrimonio cultural europeo e o Camiño de Santiago o pasado mes de outubro, entre outras.

Esta cátedra é a iniciativa académica máis importante impulsada ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago. O seu obxectivo, enmárcase nunha das súas liñas estratéxicas, dedicada á investigación, comunicación e divulgación coa intención de promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, xunto á convocatoria destes premios e bolsas, tamén leva a cabo durante todo o ano diferentes conferencias, cursos ou seminarios, así como publicacións dun fondo bibliográfico e documental. 

 

 

Arriba