10 mai 2019

Cultura e Turismo promove en Vigo o destino transfronteirizo Gerês-Xurés cun showcooking de produtos da gastronomía local

 É a terceira edición desta acción que se enmarca no proxecto europeo Gerês-Xurés Dinámico no que Galicia e Portugal traballan asociados para dinamizar conxuntamente esta Reserva da Biosfera con accións de turismo sustentable

O chef Rafael Centeno, do restaurante con Estrella Michelin Maruja Limón, empregou materias primas singulares como mel do Xurés ou chourizo de vaca cachena

 
Presentación das xornadas, en Vigo.

 Numerosos profesionais participaron nas III Xornadas Gastronómicas Gerês-Xurés coas que a Consellería de Cultura e Turismo promove este destino transfronteirizo no marco do proxecto europeo Gerês-Xurés Dinámico do que Galicia é socia xunto con Portugal e que persegue a dinamización conxunta deste territorio a través de diferentes accións, incluíndo o seu desenvolvemento turístico sustentable.

Esta actividade deseñouse para potenciar a recuperación e posta en valor das singularidades gastronómicas que definen esta Reserva da Biosfera transfronteiriza para posicionala como destino enogastronómico.

O showcooking, para o que se contou coa colaboración do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), correu a cargo do chef Rafael Centeno, do restaurante con Estrella Michelin Maruja Limón, e incluíu diferentes elaboracións con produtos como mel ou queixo do Xurés, foie, aceituna barroso, requeixo, aceite ou carne de vaca cachena, esta última especialmente característica desta zona da Baixa Limia.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turismo de Galicia, participa neste proxecto europeo desde o ano 2017 coa intención de contribuír á dinamización conxunta deste territorio transfronteirizo con Portugal. Con accións como este showcooking preténdese fortalecer a identidade propia desta zona mediante o fomento da participación activa do sector local, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sustentable así como a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural.

Arriba