15 xul 2019

Román Rodríguez destaca a vitalidade do Camiño de Santiago nun encontro con alcaldes de Galicia e Portugal

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo unha xuntanza con representantes dos concellos de Galicia e Portugal integrados no Camiño Braga-Santiago

 
O conselleiro de Cultura e Turismo, cos alcaldes de Galicia e Portugal.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou nun encontro con alcaldes de Galicia e Portugal no que destacou a vitalidade do Camiño de Santiago. Esta xuntanza, que se celebrou en Melgaço e que se iniciou cun pequeno percorrido polas pontes que atravesa esta ruta, contou coa representación dos concellos tanto da nosa Comunidade como do país veciño integrados no Camiño Braga-Santiago.

“Desde a Xunta somos conscientes da gran vitalidade do Camiño de Santiago”, expresou o titular de Cultura e Turismo antes de incidir en que a obriga do Goberno autonómico é “estudar e afondar nas distintas rutas que chegan a Compostela”. Por iso, todas as propostas, precisou, deben ser analizadas “desde o respecto e o compromiso coa historicidade, xa que temos que ser moi escrupulosos para a preservación do legado xacobeo”.

Ao longo do acto, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo presidente da Câmara de Melgaço, Manoel Batista Calzada Pombal, tamén analizou as oportunidades de colaboración entre Galicia e Portugal e salientou o papel vertebrador da Ruta Xacobea. “O Camiño de Santiago é unha ruta de unión, de valores, de solidariedade e esforzo. Unha ruta, en definitiva, que fixo a nosa cultura aberta, plural e hospitalaria”, afirmou.

 

Arriba