23 set 2019

Nava Castro salienta os máis de 600.000 euros que a Xunta inviste en Pontevedra para mellorar os aloxamentos turísticos

 A directora de Turismo visitou hoxe en Vigo un dos hoteis da provincia que é beneficiario da orde de axudas do Plan MAT para mellorar a súa competitividade

 
Este ano a Consellería de Cultura e Turismo está a colaborar coa renovación e modernización dos establecementos cun investimento de máis de 1,2 millóns
 
Nava Castro, na súa visita a Vigo

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou en Vigo un dos establecementos beneficiarios do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos convocado pola Xunta de Galicia onde puxo en valor os máis de 600.000 euros investidos este ano nesta provincia para impulsar a mellora e competitividade dos establecementos de aloxamento.

De feito, a meirande parte dos beneficiarios, o 54%, da liña de axudas da Consellería de Cultura e Turismo deste ano incluída no Plan, concéntranse precisamente nesta provincia onde resultaron beneficiarios preto de 40 establecementos, entre hoteis, cámpings, apartamentos turísticos e pensións. Entre eles atópase o hotel Cidade de Vigo, que este ano acometerá unha modernización de espazos interiores e mellorará a envolvente do edificio, iniciativas que se suman ás realizadas o ano pasado ao abeiro da liña de axudas da Xunta e co que modernizaron os percorridos de evacuación segura para incendios e adaptaron habitacións para persoas con mobilidade reducida.

Nava Castro lembrou que as axudas de Cultura e Turismo contaron este ano cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros que mobilizaron 4 millóns e beneficiaron a 70 establecementos de toda Galicia. Inclúense na aposta por un turismo de calidade que leva a cabo a Xunta. Este investimento permitirá acometer, entre outras actuacións, melloras de accesibilidade, modernización de instalacións, innovación, prestación de servizos ou aforro enerxético.

Aposta pola calidade

A este investimento cómpre sumarlle un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.

 
Arriba