27 set 2019

Galicia presentou en Australia a súa oferta turística e o Camiño de Santiago ante medio cento de tourperadores do país

Trátase dunha actividade promocional levada a cabo en colaboración con Turespaña que este ano se realiza por primeira vez na cidade de Adelaida

 
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, durante a presentación en Australia.

O destino Galicia e o Camiño de Santiago centraron a presentación realizada na cidade de Adelaida, en Australia, no marco dunha acción promocional levada a cabo pola Xunta en colaboración de Turespaña, á que asistiron medio cento de touroperadores dese país.

A presentación correu a cargo da directora da Área de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; da directora de Turespaña en Singapur e Australia, Eva Riesgo; da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Janet Leight, e do cónsul honorario de España en Melbourne, Juan Tobella.

Os turoperadores australianos coñeceron así os valores turísticos da Comunidade galega, salientando a natureza, a gastronomía, así como os produtos e recursos vinculados coa cultura e o patrimonio galego. Ademais, fíxose fincapé na difusión do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino, Australia está entre os dez primeiros países internacionais dos que proceden máis peregrinos. O ano pasado a cifra de peregrinos dese país foi de máis de 5.000.

 

Arriba