30 set 2019

Román Rodríguez salienta a contribución do sector turístico ao emprego de Galicia ao achegar máis de 127.000 traballadores

 O conselleiro de Cultura e Turismo e a directora da Axencia Turismo de Galicia visitaron a oficina central de Viajes Interrías co gallo do Día Mundial do Turismo

 
Lembrou que este sector representa o 10,4% do Produto Interior Bruto e o 11% dos postos de traballo creados na Comunidade
 
Román Rodríguez e Nava Castro, na visita a émpresa Interrías.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a contribución do sector turístico ao emprego de Galicia durante unha visita á oficina central de Viajes Interrías en Sanxenxo co gallo do Día Mundial do Turismo, unha efeméride que este ano destaca a importancia deste sector como xerador de postos de traballo.

O titular de Cultura Turismo, que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou que o turismo representa o 10,4% do Produto Interior Bruto e o 11% dos postos de traballo creados na Comunidade. Neste sentido, explicou que segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA) as actividades ligadas a este sector en Galicia dan traballo a máis de 127.000 persoas.

En paralelo, Román Rodríguez sinalou a importancia do “efecto arrastre” que ten este sector noutras actividades, e que segundo o último informe de Exceltur, a Alianza para a Excelencia Turística, supera os 2.000 millóns de euros na nosa Comunidade, o 3,5% da economía galega.

O conselleiro de Cultura e Turismo puxo a Viajes Interrías como exemplo de empresa referente no sector, cunha traxectoria de máis de 30 anos de historia. Destacou que a compañía dá traballo a preto de 80 persoas de xeito directo e máis de 1.000 de xeito indirecto en toda España e Portugal.

Un 3,2% máis de pernoitas no mes de agosto

Precisamente hoxe, o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo hoxe públicos os datos dos establecementos regrados no mes de agosto, que revelan que as pernoitas realizadas en hoteis, pensións, apartamentos, cámpings e casas de turismo rural se incrementaron por riba da media española, en concreto un 3,2% en relación ao mesmo mes do pasado ano, rexistrándose un total de 2,2 millóns de noites. No resto de España o incremento nese mes foi do 1,6%.

A cifra de viaxeiros a Galicia no oitavo mes do ano foi de máis de 845.484, cun crecemento dun 2,5%. Esta evolución dos datos explícase polo crecemento da demanda turística especialmente no mercado nacional, que medrou ese mes un 6,4%. Estas cifras tradúcense en 20.000 viaxeiros e 69.000 noites máis que en agosto do ano pasado.

Os datos do INE amosan que en agosto, o 70% da demanda turística regrada corresponde aos establecementos hoteleiros, mentres que os cámpings aglutinan o 19,5% da demanda, os apartamentos o 6% e as casas de turismo rural o 5%.

Segundo a modalidade de aloxamento, increméntanse os niveis de demanda en todas as tipoloxías con diversa intensidade, sendo un 3,6% en hoteis e pensións; un 8,7% en apartamentos turísticos, un 0,4% en cámpings e un 2,2% en establecementos de turismo rural.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!