14 out 2019

Representantes de 25 universidades de 9 países apoian á Ribeira Sacra no seu camiño cara o Patrimonio Mundial da Unesco

 Fixérono no marco da sinatura da ‘Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago’, que reflicte o compromiso das universidades en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na educación superior

 
O documento foi subscrito polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e os representantes das universidades participantes no Encontro de Reitores no Camiño
 
A Ribeira Sacra suma apoios para a súa declaración como ben patrimonio.

 Os reitores e representantes dun total de 25 universidades de 9 países europeos e americanos apoiaron a paisaxe cultural da Ribeira Sacra no seu percorrido cara á inclusión da mesma na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, referendando que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflexa e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”.

Aconteceu no marco da Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, asinada inicialmente polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e ratificada polos representantes das universidades presentes no Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago. Un evento congresual organizado polo Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia que forma parte da etapa de preparación do Xacobeo 21.

Neste sentido, cómpre explicar que o Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.

Universidades aliñadas co desenvolvemento sustentable

O conselleiro de Cultura agradeceu o apoio acadado para a candidatura e o recoñecemento do Camiño de Santiago como ruta de encontro e símbolo universal da fraternidade, e expresou a súa confianza en que “o exemplo da Ribeira Sacra e do Camiño nos inspiren hoxe para firmar este compromiso”, que busca traballar desde o eido da educación superior no establecemento de accións en prol da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable propostos pola Organización de Nacións Unidas.

O conselleiro rematou a súa intervención sinalando que a declaración nos compromete a facerlle fronte “a un dos maiores retos, xa non de Europa, senón de toda a humanidade: o desenvolvemento sustentable”, e puntualizando que este só se pode acadar a través dun medio, “a educación das persoas”. O documento asinado esta mañá en Chantada é a manifestación solemne do compromiso das universidades en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na Educación Superior e da iniciativa de universidade europea.

 

Arriba