15 out 2020

O potencial da marca Galicia no exterior centra unhas xornadas sobre os lazos entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na inauguración das xornadas qeu contaron contarán coa participación de máis de 30 expertos sobre a relación entre Galicia e China

 
As xornadas forman parte do programa “O Teu Xacobeo” e están impulsadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Lugo
 

 Co obxectivo de impulsar unha maior coordinación e maior coñecemento mutuo entre Galicia e China a través do forte simbolismo do Camiño de Santiago e a Ruta da Seda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou as xornadas online "Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo leste-oeste", que se celebraron como un foro global arredor das relacións entre Galicia e China, no marco do diálogo Unión Europea-China e a Axenda 2030 de Nacións Unidas.

Concibidas no marco do programa “O Teu Xacobeo” e impulsadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Lugo, os encontros reuniron a máis de 30 expertos que abordarron a posta en valor do Camiño de Santiago como valor potenciador da imaxe de Galicia no exterior ao tempo que se quere impulsar un maior coñecemento mutuo de ambas comunidades, unidas por camiños con tanta forza simbólica como son a Ruta Xacobea e a da Seda.

“Estas xornadas son unha oportunidade para que os galegos nos acheguemos a China a través do seu camiño máis internacionalmente recoñecido, a Ruta da Seda, e que o fagamos dun xeito innovador, aberto e dialogante. Unha achega que debemos abordar coma europeos e coma galegos, mellorando os nosos rendementos turísticos, económicos e socioculturais e procurando valores intanxibles arredor da construción da paz e o diálogo entre os pobos, obxectivos tamén da Axenda 2030”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Durante as xornadas tamén se presentaron as conclusións do informe de investigación “O Xacobeo e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” na que se identifica a rede de intereses Galicia-China, unha diagnose interna nas relacións entre ambas rexións e un plan de acción para incorporar unha ollada chinesa na acción exterior de Galicia que promova unha plataforma Galicia-China para a década dos anos 20 no marco da Axenda 2030.

 

 

 

Arriba