05 xan 2021

Turismo de Galicia destinará 3,5 M€ ás axudas para mellorar e renovar as instalacións dos establecementos turísticos

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións do albergue da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) San Antonio de Herbón de Padrón

As axudas financiarán a metade do investimento realizado cun importe máximo de 50.000 euros por solicitude
 
A Xunta busca mellorar a competitividade e ofrecer un servizo diferenciado e de calidade por parte de aloxamentos e negocios de restauración co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e reactivar o sector
 
Este programa busca o incremento da competitividade do sector turístico galego,

 A Xunta busca mellorar a competitividade e ofrecer un servizo diferenciado e de calidade por parte de aloxamentos e negocios de restauración co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e reactivar o sector

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou durante a visita ao albergue da Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) San Antonio de Herbón de Padrón, que a Xunta destinará 3,5 millóns de euros á nova convocatoria da orde de axudas para mellorar os establecementos turísticos, o que supón máis do dobre que os 1,5 millóns de euros investidos o ano pasado e á que tamén poden acollerse albergues turísticos.

Na visita estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.

 

A Xunta aposta con estas achegas porque os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, albergues turísticos e negocios de restauración que soliciten estas axudas poidan ofrecer un servizo de calidade e unha oferta competitiva e diferenciada que axude a recuperar a confianza dos viaxeiros neste Ano Santo dobre e reactivar o sector.

Ademais, na convocatoria deste ano, que o Goberno galego prevé publicar na segunda quincena deste mes, financiarase ata o 50% do investimento realizado polos locais nas súas infraestruturas, cunha achega dun máximo de 50.000 euros. Na orde do ano pasado a subvención máxima era do 35.000 euros e do 35% do investimento.

Entre as actuacións subvencionables inclúense medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións de calidade como a Q de Calidade Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financian accións a prol da sustentabilidade como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento do entorno, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.

Na última convocatoria, a Xunta apoiou os proxectos de 80 establecementos turísticos, en concreto, 48 negocios de aloxamento e 32 restaurantes.

A Xunta continuará a traballar tamén da man do sector a través do Plan Director 2021-2023, no que tamén participan as tres universidades galegas e que xa rematou a primeira fase de participación, co deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará na sustentabilidade, na calidade e nunha oferta segmentada e diferenciada.

Ademais, pretende situar a Galicia como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado con espazos naturais e abertos, aspectos moi demandados polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia. Nesta liña, a Xunta tamén conta cun Plan de choque para o sector turístico dotado con 35,7 millóns de euros, que inclúe medidas novidosas como o seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros para cubrir os gastos dos viaxeiros aloxados en establecementos turísticos de Galicia en caso de infección por covid-19.

Evolución Ocupación Hoteleira

A mensaxe de Galicia como destino seguro permitiu que a comunidade galega resistise mellor o descenso de afluencia nos establecementos hoteleiros nos últimos meses. As últimas estatísticas do Instituto Nacional de Estatística (INE) do mes de novembro recollen que a caída de pernoctacións situase 11 puntos por debaixo do descenso do conxunto de España. De feito, a comunidade galega é a terceira que mellor resiste a baixada deste indicador. Ademais, a estadía media acada o seu récord histórico neste mes con 2,5 noites, o que supón un incremento do 20%.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!