09 mar 2021

Turismo de Galici apoia o Camiño de Inverno e inviste un millón de euros na rehabilitación do Pazo de Diomondi como albergue de peregrinos

 O vicepresidente primeiro da Xunta visitou as obras de construción do primeiro albergue público do Camiño de Inverno, que contará con 34 prazas

A actuación permitirá recuperar un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural
 
A Administración autonómica inviste máis de 15M€ na ampliación e na mellora das infraestruturas da rede pública de albergues
 
Visita ao futuro albergue de Diomondi.

 O Camiño de Inverno contará co seu primeiro albergue público unha vez rematadas as obras de rehabilitación da antiga residencia bispal de Diomondi (Saviñao), nas que a Xunta inviste un millón de euros para a construción dun inmoble que contará con 34 prazas para a acollida dos peregrinos, dúas delas adaptadas.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que visitou as obras acompañado do directora deTurismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, constatou no singular enclave de Diomondi, na Ribeira Sacra, que os traballos que comezaron en decembro do 2020 non só permitirán dotar aos peregrinos dun servizo de acollida, senón tamén recuperar un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural pero que se atopaba en estado de abandono desde que deixou de ser residencia do Bispado de Lugo.

Un convenio coa Igrexa permitiu poñer en marcha unha intervención que suporá a rehabilitación integral do edificio, respectando a estética exterior de muros de pedra e fiestras e substituíndo elementos en mal estado, como a estrutura de madeira e a cuberta de tella.

O inmoble sumarase á Rede Galega de Albergues, que desde o ano 2015 supuxo un investimento da Xunta de 15,7 millóns de euros en infraestruturas no Camiño; 10,5 millóns na creación de 14 novos albergues e 5,1 millóns noutras obras de mellora, incidindo especialmente na accesibilidade e na súa eficiencia enerxética. Completadas estas actuacións, Galicia enfila o dobre Ano Santo con 78 albergues públicos.

Con esta infraestrutura, a Xunta aposta tamén por impulsar o Camiño de Inverno, unha ruta empregada historicamente nos meses máis fríos como alternativa ao Camiño Francés e que percorre as terras da Ribeira Sacra, entre outros paraxes galegos. O Camiño de Inverno foi recoñecido oficialmente no ano 2016 e, desde aquela, é unha das rutas que máis están a medrar en número de peregrinos.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!