A Xunta apoia a “Semana cultural pesqueira no Camiño”, proxecto beneficiado polo programa O teu Xacobeo
A directora de Turismo, Nava Castro, puxo en valor esta iniciativa onde se realizan todo tipo de actividades de promoción dos valores do Camiño en relación co sector marítimo pesqueiro
Grazas a esta iniciativa, os organizadores contemplan a realización de actividades turísticas e culturais como navegación en embarcación tradicional, talleres de marisqueo, visitas guiadas, actuacións culturais como teatro e música, etc. ao longo do Camiño de Santiago pola costa, ofrecendo unha ampla variedade de accións para turistas e o resto da cidadanía.
“Iniciativas como esta amosan a importancia do programa O teu Xacobeo, que ten sido a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia, poñendo de de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega”, indicou Castro.
A través do programa O Teu Xacobeo, dende a Xunta de Galicia estase a levar a cabo proxectos socioculturais que complementan a programación do Xacobeo, implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago, apoiando máis de 572 proxectos de 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.