06 mai 2024

A Xunta impulsa un investimento de 1M€ para dotar ao concello de Betanzos dun Plan de Sustentabilidade Turística que reforce o seu casco histórico

Convento de San Francisco, Betanzos

O Consello da Xunta autorizou a subscrición dun convenio de colaboración co Concello de Betanzos para a posta en marcha do Plan de Sustentabilidade Turística cun investimento de 1M€ que se desenvolverá desde este ano ata o 2026. É a quinta estratexia de sustentabilidade en destino autorizada en Consello da Xunta dentro do Plan Territorial Cascos Históricos e Vilas termais deseñado polo Goberno autonómico con fondos europeos Next Generation que botou a andar este ano.

 

Este Plan de Sustentabilidade Turística, inclúe, entre outras accións a posta en marcha dun centro de interpretación ao aire libre do casco histórico, a creación de rutas temáticas ou a rehabilitación sustentable do edificio anexo ao mercado. Tamén se prevén medidas de iluminación eficiente, un plan de sinalización intelixente ou un plan de seguiridade e de uso público da torre municipal do reloxo, entre outras.

 

Ademais deste convenio con Betanzos e dos autorizados con Tui, con Vigo para a Vila de Bouzas, con Allariz ou Deputación de Ourense, tamén se inclúen dentro do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Cascos Históricos e Vilas Termais os que se irán autorizando proximamente como o centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago, e Ribeira Sacra. O Plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e o concellos, a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano. 

 

O Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos é o terceiro que a Xunta de Galicia pon en marcha cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo, tras o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral (2022-2024) e o de Enogastronomía (2023-2025).

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!