08 xul 2019

Hospitaleiros Voluntarios 2019

Bases de selección da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo dirixidas as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para a selección de hospitaleros voluntarios na rede pública de albergues de peregrinos de Galicia

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, constituída o 13.11.1991, é unha sociedade pública autonómica con capital social integramente de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Constitúen o seu obxecto social entre outros, a realización de actividades dirixidas á xestión dos servizos comúns da rede publica galega de albergues de peregrinos e máis as relacións coas asociación de amigos do Camiño de Santiago.
O Camiño de Santiago é un fenómeno de peregrinación que dende hai séculos e ata o día de hoxe acolle a peregrinos de diversas nacionalidades que procuran a tumba do apóstolo Santiago na Catedral compostelá.
Na actualidade numerosas entidades promoven o exercicio da hospitalidade tradicional, entendida como un servizo voluntario e desinteresado, sen ánimo de lucro, para acollida fraternal aos peregrinos xacobeos en numerosos albergues espallados por todos os camiños xacobeos. Moitos destes albergues están atendidos por hospitaleiros voluntarios.
As presentes bases para a selección de hospitaleiros voluntarios na rede publica galega de albergues de peregrinos teñen por finalidade a mellora da atención e da acollida aos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago en Galicia, moi especialmente aos peregrinos estranxeiros, que son xa maioritarios no conxunto das rutas xacobeas.
As bases establecen os requisitos e destinatarios dos procesos que deben permitir que unha parte dos albergues da rede pública poda contar coa presenza de hospitaleiros voluntarios que colaboren na acollida e hospitalidade aos peregrinos. As Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago xogan neste senso un papel fundamental, dado que son propoñentes dos hospitaleiros. Estes deben acreditar que teñen recibido formación especifica por parte da súa asociación como hospitaleiro voluntario e que desenvolverán a súa actividade, voluntaria e non remunerada, nun dos albergues de peregrinos da rede publica galega de albergues de peregrinos por un período máximo de quince días, adaptándose as normas de funcionamento do albergue que seguirá contando co correspondente albergueiro.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba