13 ago 2024

Convocatoria de axudas ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación – 2024

A Sociedade Anónima e Xestión do Plan Xacobeo, prevé, no seu obxecto social as relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago. Considerase clave a colaboración a distintos niveis coas devanditas entidades, pois son historicamente o máis relevante factor de dinamización desde a sociedade civil do Camiño e das súas rutas, tanto en Galicia, como no resto de España e noutros países do mundo.

No marco das distintas liñas de actuación que promove a Axencia de Turismo de Galicia -ente que exerce a tutela da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo-, é a difusión e colaboración coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e a recuperación, mantemento e difusión do Camiño de Santiago.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) para o que se habilita un enlace na Guía de procedementos e servizos co código CT300A.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. As bases poderanse consultar na sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, na web https://www.turismo.gal/espazo-institucional/xacobeo/convocatorias, ou nos teléfonos 881 996 264 / 881 996 265.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

LIGAZÓNS RELACIONADAS...

Arriba