03 xul 2017

Turismo de Galicia comparte a súa experiencia de xestión no Camiño de Santiago con expertos da ruta en Francia

 Nava Castro reuniuse cunha delegación da asociación ACIR Compostelle-Agence de Coopération Interrégionale que traballa polo desenvolvemento sustentable dos itinerarios xacobeos, do patrimonio e do turismo cultural no país galo

Os especialistas puideron visitar Santiago de Compostela, coñecer algúns dos albergues da rede pública e percorrer un tramo do Camiño de Santiago

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión de traballo cunha delegación de ACIR Compostelle-Agence de Coopération Interrégionale, unha asociación que ten entre os seus obxectivos favorecer o desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago en Francia e promover o patrimonio e o turismo cultural en xeral nos distintos itinerarios xacobeos no país galo.

 

Na xuntanza, celebrada no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da capital galega, Turismo de Galicia tivo a oportunidade de compartir a súa labor de xestión no Camiño de Santiago. Entre outros asuntos, abordouse a definición de criterios en eidos como a rede de albergues, a sinalización, a relación co sector turístico ou as actuacións de promoción.

 

A delegación de ACIR Compostelle, que permaneceu en Galicia desde o inicio da semana, puido achegarse a distintas realidades do Camiño de Santiago e coñecer de primeira man diversas infraestruturas e monumentos. Durante a súa estancia, percorreron un tramo do Camiño de Santiago e visitaron algúns dos albergues xestionados polo Xacobeo. Tamén o propio Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, inaugurado no 2015, unha referencia á hora de recibir aos camiñantes na meta da peregrinación, xa que nas súas dependencias ofrécense numerosos servizos que responden ás necesidades actuais do peregrino.

 

Próximo encontro en Francia

Entre os participantes no encontro estiveron directivos de ACIR Compostelle e vinculados a proxectos da Unesco como Chemins de Saint-Jacques de Compostelle en France. Nos próximos meses, unha delegación de Turismo de Galicia viaxará a Francia invitada por ACIR Compostelle, afondando nos lazos internacionais que o fenómeno da peregrinación xacobea ten creados ao longo do mundo, tanto en Europa como en países doutros continentes.

Este tipo de encontros afonda en distintas liñas estratéxicas establecidas no Plan director do Camiño de Santiago como o impulso das relacións internacionais, o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago ou o fomento e divulgación da cultura xacobea. 

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!