13 out 2013

Unha produtora coreana inicia o luns no Cebreiro a gravación dun documental sobre o Camiño de Santiago

A gravación iniciouse en Roncesvalles e o equipo da produtora gravará en Galicia entre os días 14 e 26 de outubro.


Durante a súa estancia en Galicia contarán coa colaboración de Turismo de Galicia e o material gravado dará lugar a cinco programas que emitirá a canle de TV coreana Yonhap News TV no próximo mes de decembro.
 

Turismo de Galicia prestará a súa colaboración á produtora audiovisual coreana White Media na realización dun vídeo que está a realizar sobre o Camiño de Santiago e que servirá para elaborar cinco programas especiais que se emitirán pola canle de TV de Corea Yonhaps News TV como conmemoración do seu aniversario e durante o próximo mes de decembro. O título da serie de programas será Camiñando polo Camiño de Santiago.


Turismo de Galicia proporcionará apoio loxístico á esta produtora dende a súa chegada a Galicia, que se iniciará o día 14 de outubro no Cebreiro. A produtora iniciou a súa peregrinación en Roncesvalles o pasado 2 de outubro. O próximo luns día 14, xa no Cebreiro, gravarán a Igrexa de Santa Mª do Cebreiro e pernoitarán no albergue. O día 15 gravarán o Alto de San Roque e o monumento ao Peregrino e pernoitarán no albergue de Triacastela. Despois percorrerán Samos, Portomarín, Palas de Rei, Melide e Pedrouzo, gravando diferentes aspectos relacionados coa Ruta Xacobea, o seu patrimonio e a súa gastronomía.

O 22 chegarán a Santiago e ata o día 26 gravarán o Monte do Gozo, a Colexiata de Santa María, a bendición do Botafumeiro e a Oficina do Peregrino e realizarán diversas entrevistas. Por último, o 26 trasladaranse a Fisterra onde gravarán o seu Faro e farán noite no seu albergue.

O equipo de White Media está composto por nove persoas entre produción, dirección, un especialista no Camiño de Santiago guionistas, cámaras e loxística.

Corea, o principal país asiático no número de peregrinos


Corea é o principal país asiático en canto á cifra de peregrinos procedentes dese país que recollen a Compostela na oficina de Acollida da rúa do Vilar. O pasado ano 2012 aportou 2.493 peregrinos que xa constituíron o 1,30% do total.

Arriba