O embaixador de Xapón visitou hoxe a adega Martín Códax para afondar no seu coñecemento sobre o potencial enoturístico de Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, acompañou a Satoru Satoh durante a visita e explicoulle o traballo da Administración Turística de Galicia para difundir e potenciar as posibilidades do enoturismo como produto turístico singular e desestacionalizador. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde e máis a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, así como o presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo acolleron ao embaixador durante o percorrido pola visita a Martín Códax. - Tamén acompañaron durante a visita a presidenta da Deputación de León e mais o director xeral de Patrimonio da Junta de Castilla y León. Rías Baixas incrementou nesta campaña o volume de exportación a Xapón nun 26,5% a respecto da campaña anterior.
Despois de inaugurar en Santiago o monolito conmemorativo dos 400 anos de relacións diplomáticas entre España e Xapón con motivo da conmemoración do Ano Dual, o embaixador e Xapón e mais a directora de Turismo de Galicia trasladáronse a Cambados, ás dependencias da adega Martín Códax.
Alí, Nava Castro e Satoru Satoh realizaron unha visita ás instalacións desta adega enmarcada na Denominación de Orixe Rías Baixas, acompañados do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; do alcalde de Cambados, Luís Aragunde e máis da deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, así como do presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo. Tamén acompañaron durante a visita a presidenta da Deputación de León e mais o director xeral de Patrimonio da Junta de Castilla y León.
O obxectivo da visita era coñecer in situ unha das adegas das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas de Galicia. O gran potencial enoturístico de Galicia como destino, a existencia de cinco Rutas dos Viños de Galicia, o feito de traballar no desenvolvemento de iniciativas que potencien a enogastronomía como produto turístico foron algúns dos temas abordados durante a visita na que o embaixador de Xapón en España tivo ocasión de afondar no seu coñecemento do territorio vitivinícola galego.
Exportación D.O. Rías Baixas a Xapón
Xapón é un dos países aos que a Denominación de Orixe Rías Baixas exporta boa parte da súa produción vinícola. De feito, esta campaña, o volume de exportacións vinícolas cara o país nipón tense incrementado nun 26,5% con respecto á campaña anterior; isto implica que as 34 adegas que exportan produción a Xapón xeraron un volume de negocio de 500 mil euros exportando 80.000 litros.