A cidade francesa de Narbona acolle dende hoxe tres exposicións sobre a Peregrinación de San Francisco a Santiago e múltiples actos conmemorativos do VIII Centenario
A localidade de Narbona contará tamén cun stand informativo sobre os Camiños de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago; así como cun concerto de música medieval; unha conferencia sobre o Camiño e unha representación teatral
Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, celebra en Narbona diversos actos con motivo da programación itinerante conmemorativa do VIII Cententario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Así, tal e como aconteceu nas cidades de Montpellier, Asís, Siena, Lucca e Xénova, Narbona acolle dende hoxe dúas mostras, unha acción promocional no mercado de Nadal, un concerto de música medieval, unha conferencia e mais unha representación teatral. O programa desenvolverase proximamente en Tolousse antes de comezar o seu percorrido por España en 2014.
As exposicións Baixo o signo da Tau e da concha de vieira. De Asís a Compostela tras os pasos de San Francisco e mais Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago poderán verse na Basílica de Saint-Paul-Serge dende hoxe ata o día 26 de decembro. Ademais, no Consello Interprofesional dos Viños do Languedoc poderá visitarse unha terceira mostra, a de Os franciscanos e o bo xantar na terra do Apóstolo, que amosa o inicio da Orde Franciscana e as fundacións e conventos que se poden atopar en Galicia e que serven de puntos de referencia para os peregrinos. A inauguración desta mostra será o mércores 11 de decembro e contará cunha degustación de produtos e viños galegos.
A mostra Baixo o signo da Tau e da concha de vieira. De Asís a Compostela tras os pasos de San Francisco está comisariada por Paolo Caucci von Saucken, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático de Cultura Hispánica na Universidade de Perugia, que está considerado un dos maiores expertos mundiais nas peregrinacións xacobeas. A mostra Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago trátase dun audiovisual composto por 50 fotografías e unha música orixinal. A mostra Os franciscanos e o bo xantar na terra do Apóstolo xira en torno ao mundo dos viños e da gastronomía nos Camiños de Santiago e ao achegamento da Orde Franciscana a estas materias en Galicia.
Os actos promocionais contarán tamén cun stand no mercado de Nadal da localidade no que se distribuirá información sobre os Camiños e sobre a conmemoración deste VIII Centenario. A Basílica de Saint-Paul-Serge contará tamén cun concerto do grupo 1500 sobre música antiga. A praza do Pazo Arcebispal contará o día 11 cunha actuación teatral titulada San Francisco e os paxaros escenificada polo grupo Os Quinquilláns. Ese mesmo día, na Sala dos Sínodos do Palacio dos Arquivos de Narbona a especialista en Historia da Península Ibérica e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Adeline Rucquoi pronunciará un relatorio sobre a historia da Ruta Xacobea.