25 feb 2014

Nava Castro destaca a importancia do consenso e a colaboración público-privada para conseguir un sector turístico galego competitivo e innovador

A directora de Turismo de Galicia visitou esta tarde as novas instalacións da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería da Coruña, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo e mais do presidente da asociación, Héctor Cañete. Nava Castro interveu hoxe tamén no acto de apertura da Festa do Socio 2014, que celebra a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería da Coruña polo seu 36 aniversario e que incluíu unha entrega de insignias de Ouro para os cinco asociados máis antigos e de recoñecementos aos 25 anos de dedicación profesional ao sector para cinco establecementos da provincia. A directora de Turismo de Galicia visitou esta tarde o Fórum Gastronómico e participou na Entrega dos Premios Picadillo, que se celebrou no marco do Fórum Gastronómico e que recoñecen a traxectoria profesional en distintos eidos en pro da gastronomía

Nava Castro Domínguez na Festa do Socio 2014

A directora de Turismo de Galicia interveu esta tarde no acto de apertura da Festa do Socio 2014 que celebra os 36 anos da Asociación de Empresarios de Hostelería da Coruña. Nava Castro realizou previamente á celebración da reunión anual dos asociados do sector unha visita ás novas instalacións da asociación coruñesa na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo e mais do presidente da asociación, Héctor Cañete.

Nava Castro Domínguez na Festa do Socio 2014

Na súa intervención durante a apertura da Festa do Socio, na que tamén interveu o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Alvariño; así como o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, ademais do presidente da asociación, Héctor Cañete, a directora de Turismo resaltou a importancia da colaboración interadministrativa e público-privada á hora de desenvolver turisticamente un territorio.

Ao tempo, a directora de Turismo incidiu en que a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, ven de presentar un Plan Integral de Turismo. Un documento de traballo que conforma a folla de ruta da administración turística galega de cara ao 2016. De igual modo, resaltou sobre o plan que se trata “dunha realidade consensuada entre as distintas administracións e axentes públicos, entre as organización representativas do sector privado e mais un panel de expertos”.

Nava Castro resaltou tamén que o turismo conforma un dos sectores máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento das economías de Europa. Ademais, dixo, en Galicia representa o 10,6% do PIB e o 11,23% do emprego, “de aí a súa vital importancia para o reequilibrio territorial, para a xeración de emprego e tamén para xerar imaxe e como factor de atracción para outros sectores empresariais cara a nosa comunidade”.

Segundo explicou a directora, os retos que dende Turismo de Galicia a través do Plan Integral se marcan pasan, entre outros, polo afianzamento dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional. E engadiu que “Galicia ten que ser un destino sostible, diferenciado pola posta en valor dos nosos recursos endóxenos e cun tecido empresarial innovador e caracterizado por unha xestión responsable”. Ao tempo, destacou a necesidade de que a oferta galega sexa segmentada, multiexperiencial e desestacionalizadora. Ademais, dixo, “o turismo ten que ser o sector tractor doutros sectores económicos”.

A directora explicou as liñas estratéxicas do plan de acción e afondou nas relacionadas coa formación, co desenvolvemento sectorial e coa cooperación e o consenso co obxectivo de construír un marco eficiente e xerador de oportunidades. Tamén afondou nos obxectivos temporais do plan, que establece unha calendarización das accións concretas.

A celebración da Festa do Socio contou tamén coa entrega de insignias de Ouro aos asociados máis antigos e de recoñecementos aos 25 anos de dedicación profesional ao sector para cinco establecementos da provincia.

Visita ao Fórum Gastronómico
Nava Castro realizou esta tarde unha visita ao Fórum Gastronómico que se celebra na cidade herculina, na que tamén estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo. De igual modo, a directora de Turismo de Galicia participou na Entrega dos Premios Picadillo, que recoñecen a traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala e divulgadores da cultura culinaria. Os galardoados foron Conservas La Pureza, na categoría de Produto; Horacio Fernández-Bodegas Godeval, na categoría de Viños; Maruja Ramallo de Casa Ramallo, na categoría de Sala; Pedro Roca, na categoría de Cociña e mais Helena Villar-Janeiro na categoría de Cultura.

Arriba