11 abr 2014

Nava Castro destaca na presentación da plataforma ‘Visit Arousa’ o potencial da creación de sinerxías no sector turístico para incrementar a competitividade do destino

A directora de Turismo de Galicia interveu no acto de presentación da nova ferramenta promocional que consiste nunha agrupación de empresas turísticas do Salnés para potenciar a comarca como destino de calidade.


No acto tamén se presentou o segundo número da revista La Alacena Roja e contou coa presenza do comunicador Josemi Rodríguez Sieiro.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu hoxe no acto de presentación da agrupación Visit Arousa, que tivo lugar no Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa. No acto interviñeron tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da localidade, Tomás Fole.

Visit Arousa é unha nova agrupación conformada por empresas turísticas da comarca do Salnés que teñen por obxectivo potenciar un destino de calidade asociado a elementos de vangarda, sen renunciar ao carácter tradicional do destino. As empresas que forman parte da iniciativa son Pazo de Rubiáns, Adega Eidos, Bodegas Mar de Frades, Quinta de San Amaro, Gran Hotel de La Toja, Piragüilla Turismo Activo, Amare Turismo Náutico, Marina Vilagarcía, Arrullos del Auga e Tee Travel.

O obxectivo xeral da agrupación é constituír unha plafaforma dixital turística que promocione a oferta de produtos, servizos, actividades culturais, turismo activo e rutas dos membros da entidade.

A directora de Turismo de Galicia resaltou na súa intervención que asistir ao xurdimento dunha nova plataforma de difusión e comercialización da oferta turística galega é unha moi boa nova porque significa que “estamos a avanzar no reto de afianzar un sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional”.

Segundo explicou Nava Castro, entre os retos do turismo galego figura tamén o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial e a consolidación do noso destino como multiexperiencial, con oferta segmentada e desestacionalizadora, así como destino modelo europeo de turismo sostible.

De modo que, engadiu, o xurdimento de novos xeitos de comunicar Galicia contribúen directamente ao noso posicionamento nos mercados nacionais e internacionais e a configurar unha oferta diferencial e orientada ás necesidades da demanda actual. “O traballo que hoxe se presenta implica un paso adiante na innovación, na especialización e na adaptación a un cliente cada vez máis esixente”, resaltou a directora de Turismo.

Nava Castro explicou na súa intervención que Galicia é un destino que está a xerar novos atractivos para os mercados emerxentes. Así, no conxunto da oferta regrada, o mercado internacional ten acadado en 2013 cotas do 24,1% da oferta, conseguindo o máximo histórico de viaxeiros internacionais na comunidade galega. “A posta en valor dos nosos recursos endóxenos exerce como potente factor de diferenciación e como elemento captador dos viaxeiros que buscan experiencias únicas e destinos con personalidade propia”, matizou. Así, engadiu que Visit Arousa “será quen de posicionar os produtos que neste momento comercializan e difunden as empresas do sector turístico galego nesta zona de Galicia, que está a rexistrar relevantes incrementos na cifra de viaxeiros recibidos e de pernoitas rexistradas”. Tamén destacou a aposta por desestacionalizar o turismo na zona a través da creación de produtos atractivos para todas as estacións do ano como a Ruta da Camelia.

O acto incluíu a presentación do segundo número de ‘La Alacena Roja’ e contou coa presenza do xornalista Josemi Rodríguez Sieiro.

Arriba