Turismo de Galicia leva a mostra ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ a Verín, no seu percorrido por España, Italia e Xapón
Inaugurada esta tarde polo xerente do Xacobeo e o alcalde de Verín, a exposición poderá visitarse ata o próximo 10 de decembro na sala de exposicións do Concello.
O proxecto expositivo compleméntase, o venres 5 de decembro ás 20,15h no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, co concerto “Camiños da guitarra clásica galega” dirixido e interpretado por Samuel Diz.
A mostra xa visitou Rieti (Italia), Ponteareas, Muros, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Santiago de Compostela, Villafranca do Bierzo, Oviedo, Astorga, León e Wakaya (Xapón).
Turismo de Galicia leva a Verín ata o próximo 10 de decembro, 'Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago', a mostra conmemorativa do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. A exposición, que foi inaugurada esta tarde na Sala de exposicións de Verín polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, ofrece unha interpretación de gran beleza sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno da peregrinación.
As fotografías e a peza musical que integran esta mostra foron realizadas polos artistas galegos Manuel Valcárcel e Alexandro González no seu viaxe a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que san Francisco percorreu fai 800 anos.
As claves principais do fenómeno da peregrinación –os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos como a comprensión, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade– están recollidas neste traballo destes dos artistas novos galegos que, asumindo o seu papel de peregrinos, souberon ver en camiños e santuarios a esencia deste fenómeno único.
O proxecto expositivo compleméntase, o venres 5 de decembro ás 20:15 no Salón de actos da Casa da Cultura de Verín, co concerto “Camiños da guitarra clásica galega”. Un concerto dirixido e interpretado polo recoñecido músico e investigador Samuel Diz que fai un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura. Unha viaxe pola nosa historia dende unha óptica contemporánea, un canto á guitarra galega que non fora formulado até o de agora. Trátase así dunha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán dende melodías medievais até o século XXI coa nova xeración de compositores.
Un percorrido por España, Italia e Xapón
A exposición 'Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago' foi inaugurada en Rieti (Italia) o día 7 de xullo deste ano 2014. A cidade italiana acolleu as pezas da mostra nunha trintena de escaparates dos principais establecementos da rúa comercial “Via Roma” ata o 9 de agosto.
Previo ao seu paso por Verín, puido visitarse nos concellos galegos de Ponteareas, Muros, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Santiago de Compostela.
Ademais do seu percorrido polas catro provincias galegas, a súa itinerancia completouse coas paradas en Villafranca do Bierzo, Oviedo, Astorga e León.
Así mesmo, a mostra foi inaugurada, o pasado día 31 de outubro, no Aeon Hall da cidade de Wakaya, na Illa de Honshū en Xapón.