05 dec 2014

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés asinarán un acordo para a limpeza e mantenemento da ruta e a atención e información aos peregrinos

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e os concellos galegos do Camiño Francés .

Turismo de Galicia financiará as actuacións por un importe total de 361.875€.

No que vai de ano, realizaron o Camiño Francés máis de 160 mil peregrinos, sendo esta ruta escollida por preto do 70% dos peregrinos que chegan a Santiago.
 

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos galegos do Camiño Francés.

O acordo definirá os termos de colaboración entre Turismo de Galicia e os Concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.


En virtude do convenio, os concellos que atravesa a ruta en Galicia obríganse á:


- Limpeza e conservación do Camiño Francés, coas actuacións de limpeza de residuos e roza da maleza por medios manuais e a súa retirada, e a adopción de medidas para evitar a terioración ou destrución do camiño.


- Atención e información continuada e específica de todo o Camiño Francés e do fito xacobeo aos peregrinos mediante a contratación de persoal con formación en turismo e coñecementos do Camiño de Santiago de xuño a setembro, a actualización continua das páxinas web e a edición de material informativo.


Turismo de Galicia, pola súa parte, financiará as actuacións por un importe de 361.875 euros, dos cales 273.875 euros se dedicarán ás actuacións de limpeza e conservación do Camiño Francés e 88.000 euros serán para a atención e información continuada e específica do Camiño e do fito xacobeo. O dito convenio estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2015.


A ruta escollida polo 68,13% dos peregrinos
No que vai de ano, chegaron a Santiago de Compostela máis de 236 mil peregrinos, dos cales máis da metade son estranxeiros. O incremento de peregrinos que chegaron a Santiago por todas as rutas que conforman o Camiño supera o 10% se temos en conta o mesmo período do 2013.
O Camiño Francés foi a ruta máis transcorrida, pois é a escollida por preto do 70% dos peregrinos que este ano selaron a súa Compostela na rúa do Vilar de Santiago. En total, máis de 160 mil peregrinos fixeron o Camiño Francés no que vai de ano.
 

Arriba