09 dec 2014

A Xunta promove o turismo náutico galego no Salón de París

Turismo de Galicia instalou un stand de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, un dos máis importantes de Europa para a promoción do turismo náutico galego.

Este recinto de promoción, no que tamén está representado o ente Portos de Galicia, posibilitará o contacto e as relacións comerciais entre profesionais galegos e os empresarios do sector que visiten a feira.

No recinto de promoción de Galicia tamén están as entidades Marina Viveiro, Marina Coruña, Marina Sada, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico de Portonovo, Nauta Sanxenxo, Marina Vilagarcía e Real Club Náutico de Vigo.

Recinto de Galicia no Salón Náutico de París 2014.

A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia e Turismo de Galicia, participa este ano, entre o pasado sábado e o día 14 de decembro, no Salón Náutico de París para darlle pulo internacional ao turismo náutico e á actividade das instalacións náutico recreativas de Galicia, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo, sendo un dos eventos de referencia na náutica do Atlántico Europeo, con visitantes de todo o continente, nomeadamente do norte de Europa, Francia e o Mediterráneo.

Este ano, Turismo de Galicia instala un stand de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que se celebra hai máis de 50 anos, e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa dende hai 15.

O recinto de promoción do turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visiten a feira.

Por outra parte, dentro da súa liña estratéxica de promoción da náutica recreativa en Galicia e do sistema portuario autonómico, Portos de Galicia participa por segundo ano consecutivo neste evento co obxectivo de consolidar a comunidade galega como destino náutico de primeira orde internacional. Esta presenza constitúe un catalizador da representación dos clubes náuticos e marinas xestoras dos peiraos deportivos, coordinando a súa oferta individual para aportar unha proposta galega conxunta de maior competitividade de cara ao exterior.

Neste ámbito, está prevista a asistencia de representantes de Marina Viveiro, Marina Coruña, Marina Sada, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico de Portonovo, Nauta Sanxenxo, Marina Vilagarcía e Real Club Naútico de Vigo. Así mesmo, achegarán a súa oferta promocional, a través de recursos publicitarios e presenza audiovisual os clubes náuticos e marinas de San Vicente do Mar (O Grove), Moaña, Monte Real Club de Iates de Baiona, Porto deportivo de Baiona, Combarro (Poio), Vilanova de Arousa, Muros, A Pobra, Muxía, porto do Xufre (A Illa de Arousa), os concellos de Boiro, Cambados e Baiona e a base náutica Palmira Scuba, da Pobra do Caramiñal.

Axentes especializados
Ademáis do contacto empresarial cos participantes no Salón, Portos de Galicia e Turismo de Galicia desenvolverán unha programación paralela ao evento, na que se incluirán encontros institucionais e presentacións públicas. Así mesmo, Portos de Galicia aproveitará este foro internacional para avanzar nunha iniciativa promocional novedosa na que se está a traballar xa e que pretende achegar a Galicia no primeiro trimestre do vindeiro ano a unha serie de prescriptores especializados das zonas do Arco Atlántico para que coñezan in situ o sistema portuario galego.

Deste xeito, o obxectivo é que trala visita estes profesionais dean a coñecer a través dos medios de comunicación de referencia no sector, as potencialidades dos portos deportivos galegos, de cara á campaña de verán de 2015.

Con estas iniciativas, a Xunta de Galicia está a dar novos pasos na súa estratexia promocional que nos últimos dous anos deu resultados plenamente satisfactorios. Non en van, o pasado verán a cifra de tránsitos total de Galicia superou os 5.400 barcos, o que na comparativa coas cifras do ano 2013 revela un incremento do 8,7%.

O Salón Náutico de París conta este ano con 7.075 profesionais; 1.300 periodistas acreditados; 785 expositores que representan a 1.300 marcas repartidas en 125.000 metros cadrados; 1.200 buques con máis de 200 novidades; máiss de 350 lanchas e veleros; 300 embarcacións deportivas diferenciadas (piragüismo, windsurf...), entre outros. Esta feira constitúe un acontecemento de primeira orde internacional no mundo da indústria e actividade náutica. Está totalmente conectada co mercado internacional náutico e arroxa luz sobre as tendencias de la industria náutica de producción para a exportación e importación.

 

Arriba