09 feb 2015

Turismo de Galicia pon en marcha un programa de hospitaleiros voluntarios para mellorar a acollida aos peregrinos na rede pública de albergues

Trátase dun programa experimental que se desenvolverá en quince dos albergues da rede pública do Camiño de Santiago, conformada por 70 establecementos con mais de 3.000 prazas de aloxamento.

A directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo é lograr que os peregrinos, especialmente os foráneos, se sintan máis acollidos nos albergues mellorando a calidade da súa experiencia peregrinatoria e fortalecendo a dimensión multinacional do Camiño de Santiago.

Nava Castro sinalou que a iniciativa responde a unha petición das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, especialmente as de carácter internacional.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou o curso para hospitaleiros e axentes de acollida aos peregrinos en Santiago de Compostela, promovido pola entidade que dirixe, a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, e a Oficina de Acollida aos Peregrinos da Catedral de Santiago.


Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o curso responde a unha petición de diversas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, especialmente de carácter internacional, que solicitaban a posta en marcha dun programa de estadías de hospitaleiros voluntarios nos albergues da Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia.


“Con esta iniciativa trátase de mellorar a acollida aos peregrinos que percorren as diversas rutas de peregrinación en Galicia, colaborando cos albergueiros neste labor tan singular da peregrinación xacobea”, sinalou Nava Castro durante a súa intervención.


Trátase dun programa experimental que se desenvolverá en quince dos albergues da Rede pública de albergues do Camiño de Santiago que están dotados de cuarto específico para hospitaleiros.


O obxectivo é mellorar a acollida aos peregrinos nesta ampla rede de albergues públicos de Galicia, conformada por 70 establecementos con mais de 3.000 prazas de aloxamento.


A directora de Turismo de Galicia destacou que os hospitaleiros voluntarios colaborarán cos albergueiros na hospitalidade aos peregrinos. “Non se trata, en consecuencia, de realizar funcións de mantemento do albergue senón especialmente de acollida, compartir a súa experiencia, participar nas súas inquietudes, etc.”, aclarou Nava Castro.


Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta, afirmou que “o fin último é lograr que os peregrinos, especialmente os foráneos, se sintan máis acollidos nos nosos albergues mellorando a calidade da súa experiencia peregrinatoria e fortalecendo a dimensión multinacional do Camiño de Santiago”.

 

Arriba