26 out 2015

Turismo de Galicia promociona a Comunidade galega en Canadá na feira ‘International Tourism & Travel Show’

Turismo de Galicia dispuxo nesta 27ª edición cun módulo dentro do stand de España, baixo a coordinación da OET de Toronto, a través do cal promocionou os principais valores turísticos da comunidade galega

Trátase dun certame turístico de carácter xeral, aberto tanto a profesionais como a público, que cada ano rexistra unha importante afluencia de visitantes

Grazas á firme aposta de Turismo de Galicia pola promoción exterior o turismo internacional está a acadar máximos históricos tanto de volume co de peso

O turismo internacional acadou no que vai de ano en Galicia máximos históricos tanto de volume –con preto de 970.000 viaxeiros aloxados e máis de 1,5 millóns de pernoctacións- como de peso no conxunto da demanda

Turismo de Galicia participou a pasada fin de semana na feira ‘International Tourism & Travel Show’ que se desenvolveu na cidade de Montreal (Canadá) que cada ano rexistra unha importante afluencia de visitantes.

Trátase dun certame turístico de carácter xeral, aberto tanto a profesionais como a público, onde o departamento autonómico de Turismo promocionará os principais valores turísticos da comunidade galega, dentro do recinto que instalou Turespaña.

Así, Turismo de Galicia dispuxo nesta 27ª edición cun módulo dentro do stand de España, baixo a coordinación da OET de Toronto, a través do cal promocionou Galicia como destino turístico.

Nesta edición da ferira comprobouse que o produto estrela da nosa comunidade continua a ser o Camiño de Santiago, seguido da demanda de información acerca doutras modalidades culturais, especialmente, arte, tradicións e gastronomía.

O perfil dos visitantes atendidos correspondeu a persoas de mediana idade -de 40 a 65 anos- cun poder adquisitivo medio-alto, que planea viaxes de longa duración, moi influídos polas conexións aéreas directas. A maioría das viaxes de lecer adoitan a ser realizadas entre xullo e outubro.

Canadá conta con dous mercados claramente diferenciados, o anglófono e o francófono, ambos de grande importancia e peso para Galicia. España é un dos destinos máis populares, xunto con Francia, Italia, Reino Unido e Alemania.

Máximos históricos
Grazas á firme aposta de Turismo de Galicia pola promoción exterior o turismo internacional está a acadar máximos históricos.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) de ocupación hoteleira publicados este mesmo venres, o turismo internacional subiu no que vai de ano en Galicia un 14,5%, porcentaxe que se incrementan ata o 17,6% no relativo aos viaxeiros aloxados.

Este incremento levou consigo que este mercado acadase de novo un máximo histórico tanto de volume –con preto de 970.000 viaxeiros aloxados e máis de 1,5 millóns de pernoctacións- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 29,1% dos viaxeiros e o 24,1% das pernoctacións-.

Arriba