Nava Castro destaca a importancia de consolidar o medio rural de Galicia como un recurso turístico accesible
A directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron Ponteareas e Vilanova de Arousa para supervisar os resultados da liña de subvencións de máis de 1,3 millóns de euros para o fomento da accesibilidade turística no medio rural
Durante as visitas Nava Castro explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas
A responsable de Turismo da Xunta afirmou que estas accións contribúen a incrementar as cifras de demanda dos establecementos rurais que no 2015 acadaron un máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 181.000
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron o concello de Ponteareas e de Vilanova de Arousa para supervisar o resultado da liña de subvencións de máis de 1,3 millóns de euros que destinou en 2005 o departamento que dirixe para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.
A través desta liña de subvencións o concello de Ponteareas recibiu unha subvención de máis de 23 mil euros a través da cal levouse a cabo un plan sinalización de igrexas cun total de 44 carteis de sinalización turística.
Pola súa parte, grazas a esta liña de subvencións o concello de Vilanova de Arousa recibiu máis de 42 mil euros para a mellora do aparcadoiro e os accesos ás praias do Terrón e As Patiñas.
Durante as visitas a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.
A responsable de Turismo da Xunta afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.
Neste senso, Nava Castro manifestou que con iniciativas como esta potenciase o medio rural da nosa comunidade e consolídase Galicia como un destino turístico accesible para todos.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia afirmou que estas accións contribúen a incrementar as cifras de demanda dos establecementos rurais da nosa comunidade os cales rexistraron o pasado ano unha mellora notable, superando nun 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,2% o seu nivel de pernoitas en relación ao mesmo período do 2014. “Este segmento acadou así en 2015 un máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 181.000”, sinalou Nava Castro.
Liña de subvencións
Mediante esta liña de subvencións mellorouse a accesibilidade física e á sinalización dos recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais.
Deste xeito, grazas a estas axudas, os concellos do medios rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.
Ademais, esta liña de axudas posibilitou a construción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribúen a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes.
Así mesmo, con este investimento do departamento de Turismo da Xunta de Galicia, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil.