16 mai 2016

A Escola de Turismo itinerante imparte formación sobre atención ao peregrino ao profesional hostaleiro de Sarria e Melide

Os cursos, que contaron coa participación de 50 traballadores de albergues e aloxamentos, abordaron a atención ao peregrino, tanto de xeito presencial como a través das redes sociais.


Así mesmo, abordouse a importancia de elaborar unha axeitada carta de servizos e os recursos informativos dispoñibles grazas ao proxecto Smart Camiño.


As próximas actividades deste tipo desenvolveranse en Cee e en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de maio, respectivamente.

A Escola de Turismo Itinerante desprazouse ata Sarria e ata Melide para impartir varias actividades de formación aos profesionais hostaleiros da zona. Os cursos, a cargo de persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia, abordaron a atención ao peregrino, tanto de xeito presencial como a través das redes sociais.

Asistiron ao redor de 50 profesionais de albergues e aloxamentos do Camiño, dende recepcionistas ata propietarios, aos que se lles explicou a importancia da carta de servizos dos locais e a forma de responder comentarios e solicitudes de información nas redes sociais, entre outras cuestións relativas á boa atención ao peregrino.

O curso afondou na necesidade de que os profesionais poñan especial interese en coñecer ao cliente e saber que necesidades ten para poder elaborar unha carta de servizos, así como a importancia de ofrecer ao peregrino unha información útil e completa. Neste sentido, presentouse aos asistentes o proxecto Smart Camiño, co que Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) puxeron recentemente en marcha a páxina web www.caminodesantiago.gal co obxectivo de que o visitante teña unha ampla e correcta información sobre o Camiño e os servizos e ofertas complementarias tanto antes, como durante e despois de iniciar a viaxe.

Tamén se abordou a importancia que actualmente revisten as redes sociais no eido da promoción e explicouse aos asistentes que redes escoller en función dos clientes potenciais e como tratar as solicitudes de información que se realizan por este medio.

Os próximos cursos que a Escola de Turismo Itinerante vai desenvolver sobre estas cuestións serán na Casa da Cultura de Cee, o 24 de maio, e nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia de Santiago de Compostela, o día 25. As persoas interesadas xa poden apuntarse na páxina web www.cshg.es.
 

Arriba