26 xul 2016

Nava Castro destaca o papel do Comité Internacional de Expertos do Camiño no fomento da cultura xacobea

O organismo reuniuse hoxe en Compostela e abordou asuntos como o seu papel asesor na xestión da Ruta como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, declaración que celebrará o seu trinta aniversario en 2017

En setembro do vindeiro ano, o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos constituirá unha importante cita para os investigadores deste ámbito
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, amosou o seu recoñecemento ao traballo do Comité Internacional de Expertos do Camiño xa que actuará como asesor do Consello Xacobeo, da Comisión Interdepartamental e da Federación Europea do Camiño de Santiago. A directora fixo estas declaracións en Compostela con motivo da súa participación no Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Pola súa banda, o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño, Paolo Caucci, destacou que, segundo o tratado na reunión, en setembro de 2017 terá lugar o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, que será un evento de especial transcendencia no mundo do Camiño de Santiago e punto de encontro para expertos e interesados. Así mesmo, a directora adiantou que no próximo ano celebrarase tamén o XXX Aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Primeiro Itinerario Cultural polo Consello de Europa.

Comité científico da Federación Europea dos Camiños

No encontro de hoxe se tratou tamén o papel do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago como comité científico da Federación Europea dos Camiños de Santiago para avanzar nos requirimentos necesarios na xestión da Ruta Xacobea como itinerario cultural europeo ante o Consello de Europa.

A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 para darlle unha dimensión transnacional á Ruta e xestionala como Primeiro Itinerario Cultural Europeo declarado polo Consello de Europa. Entre as accións que desenvolve a federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través da páxina web SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación coas universidades dos diferentes países, así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; e a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.

Comité Internacional de Expertos

O Plan Director do Camiño de Santiago recolle a documentación e fomento da cultura xacobea como unha tarefa necesaria e de indubidable valor. Este foi o motivo polo que a Xunta de Galicia creou en 1992 o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, integrado por relevantes investigadores internacionais neste eido e que ten contribuído ao coñecemento da dimensión europea e mundial do fenómeno xacobeo.

Na reunión de hoxe participaron a directora de Turismo de Galicia, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e os membros do Comité Internacional de Expertos: o presidente do organismo, Paolo Caucci von Saucken, que é profesor da Universidade de Perugia (Italia); Klaus Herbers, profesor da Universidade Friedrich Alexander de Erlangen – Nurberg (Alemaña); Robert Plotz, profesor da Universidade Wurzburg (Alemaña); Adeline Rucquoi, directora do Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia; Simon Barton, profesor da Universidade de Exeter (Reino Unido); Segundo Pérez, deán e arquiveiro da Catedral de Santiago de Compostela; Manuel Castiñeiras González, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona; María José Azevedo Santos, profesora da Universidade de Coimbra (Portugal); e Fernando López Alsina, catedrático na Universidade de Santiago de Compostela.

Arriba