15 ago 2016

A escritora Makiko incorporará a oferta turística galega ao contido dun libro destinado ao mercado xaponés

A escritora realizou unha viaxe de documentación pola Comunidade galega para afondar sobre as súas paisaxes, o seu patrimonio así como a súa gastronomía e costumes

Nos seis primeiros meses do ano o mercado xaponés acumulou un 15,3% máis de demanda hoteleira en Galicia que no mesmo período de 2015

Makiko Hata viaxou á Comunidade galega acompañada por un dos seus colaboradores nunha viaxe organizada para recadar información sobre os distintos aspectos que conforman a oferta turística do noso territorio.

Así, na segunda quincena do pasado mes de xullo fixo un percorrido polo territorio galego visitando lugares tanto da costa como do interior ao obxecto de afondar no destino turístico Galicia no seu conxunto.

No seu traballo editorial, Hata incluirá unha referencia aos lugares máis característicos da Comunidade galega aos seus monumentos, ás cidades e ao Camiño de Santiago.

Esta escritora mostrouse interesada, así mesmo, en tomar o pulso das rúas de Galicia, visitando mercados, establecementos hoteleiros, lonxas, feiras e celebracións festivas propias da nosa comunidade.

Ademais, un dos apartados máis destacados dos contidos editoriais relacionados co territorio galego será o relativo aos produtos gastronómicos e ao viño, así como aos servizos de restauración,os produtores e os comercializadores.

Mercado xaponés


A demanda turística de Xapón está a rexistrar grandes incrementos na nosa comunidade nos últimos tempos.

O pasado mes de xuño, este mercado superou nun 9,6% o nivel de demanda do pasado ano.

Así, no conxunto dos primeiros seis meses do ano o mercado xaponés acumulou un incremento do 15,3% nos niveis de demanda hoteleira.

 
 
 
Arriba