21 nov 2016

Turismo de Galicia promove rutas culturais accesibles da Comunidade galega entre os operadores españois especializados

Un grupo de axentes de viaxes e asociacións de persoas con problemas de mobilidade visitaron a Comunidade galega para realizar tres rutas urbanas no ámbito do Patrimonio da Humanidade

Na súa aposta polo turismo accesible na Comunidade galega, Turismo de Galicia organizou unha viaxe de familiarización para operadores especializados do ámbito nacional e asociacións de persoas con problemas de mobilidade na que puideron coñecer parte da oferta galega neste ámbito.

Nesta viaxe participaron os operadores Accesible Madrid, CN Travel e Tee Travel, e as asociacións Predif, Cermi, Aspaym, Auxilia, Cogami e Fademga que, ademais de coñecer parte da oferta accesible do territorio galego, mantiveron reunións de traballo con distintos representantes do sector turístico galego, tanto institucionais como privados.

Esta acción de promoción da oferta accesible de Galicia centrouse nas rutas turísticas de turismo cultural e patrimonial accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Patrimonio da Humanidade

Dese xeito, logo da recepción aos participantes que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, desenvolveron dúas rutas accesibles no ámbito do Patrimonio da Humanidade.

Os participantes nesta viaxe de familiarización realizaron unha ruta pola cidade de Santiago de Compostela, que incluíu un tramo do Camiño Fisterra-Muxía en sentido inverso, entre a Carballeira de San Lourenzo e a Praza do Obradoiro e unha visita guiada pola Ruta turística accesible polo Casco histórico compostelán.

Na súa estadía en Compostela, os axentes de viaxes e xornalistas fixeron tamén o percorrido da Ruta accesible polo patrimonio da Universidade de Santiago.

Por outra parte, os participantes nesta viaxe de prospección turística desprazáronse ata a cidade de Lugo, onde foron recibidos na Delegación territorial da Xunta para logo realizar unha visita guiada á Muralla e ao Conxunto Catedralicio.

Arriba