Nava Castro destaca que o impulso aos destinos turísticos intelixentes axudará a consolidar un sector “competitivo e innovador” en Galicia
Lembra a aposta da Xunta por impulsar a innovación a través das TIC con plans como o Plan Smart Turismo, o proxecto do Smart Camiño, ou as Smart Destinations
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o compromiso da Xunta por impulsar os destinos turísticos intelixentes porque axudan a consolidar un sector turístico galego “competitivo, innovador e cunha visión internacional”.
Así o expresaba Nava Castro no acto de presentación dos resultados da avaliación da norma de xestión de destinos turísticos intelixentes do concello de Sanxenxo, levado a cabo por Segittur. Alí lembrou que, con ese acto, Sanxenxo convértese no segundo destino de España no que Segittur avalía a norma UNE de Aenor algo que lle facilitará poder ter, a partir de agora, toda unha folla de ruta dos novos modelos de xestión que deben seguir os destinos turísticos neste século XXI.
“A súa aplicación permitirá mellorar a experiencia do turista antes, durante e despois da viaxe, así como aumentar a competitividade e mellorar o posicionamento turístico de Sanxenxo”, resaltou a directora de Turismo de Galicia.
Mellora a calidade da experiencia turística
Neste sentido, Nava Castro referiuse á aposta dos últimos anos da Administración autonómica pola innovación e tecnoloxía con numerosas liñas de acción como a posta en marcha do Plan Smart Turismo, o desenvolvemento do proxecto Smart Camiño ou os Smart Destinations.
Como indicou, un dos elementos clave do Plan Smart Turismo, Turespazo, xa comezou a funcionar o ano pasado e permite ofrece un rexistro único de todos os recursos turísticos e un sistema de soporte integral á inspección turística que está a “optimizar os procesos de xestión, información e inspección”.
Ademais, a creación do Smart Camiño está a ser clave porque permite adaptar a Ruta Xacobea ao século XXI mellorando a calidade da experiencia ao pór a disposición dos peregrinos unha aplicación móbil que lles permite ir recibindo información a medida que avanzan cara a Compostela.
De igual xeito, a aposta de Turismo de Galicia pola tecnoloxía e a innovación está presente tamén noutras accións como o impulso á creación de destinos intelixentes, Smart Destinations, da provincia de Pontevedra, como o acto de hoxe o demostrou, ou o apoio ao desenvolvemento da Smart City en A Coruña.
“Con todas estas iniciativas, entre todos consolidaremos un sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, cunha visión internacional”, concluíu Nava Castro.