07 mar 2017

Turismo de Galicia leva ao País Vasco a campaña ‘Viños e Camelias’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Bilbao a experiencia turística de promoción que incluirá catas de viño e a instalación dun xardín de camelias

Desenvolverase en marzo na cidade de Bilbao e en abril en San Sebastián

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Bilbao a campaña promocional Viños e Camelias, unha experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia de Galicia e as adegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas e que se estenderá durante todo o mes de marzo en Bilbao e durante o mes de abril en San Sebastián.

Dentro da campaña, o local de Bodega Urbana –especializado en achegar a cultura do viño a todos os públicos - alberga nas súas instalacións un xardín de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O. Rías Baixas. Tamén se organizan alí diferentes catas de viños e se poderá degustar durante todo o mes o mellor da gastronomía galega no restaurante do local.

Maridaxe perfecta e produtos de referencia internacional


“Sen dúbida, esta combinación de viños e camelias é unha maridaxe perfecta para todo aquel que busque un turismo evocador de experiencias e emocións, gozando de dous dos recursos máis exclusivos de Galicia”, explicou Nava Castro durante o acto de presentación recordando o papel “clave” que teñen ambos os produtos no turismo de Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse á Ruta da Camelia como referente internacional que permite a todo o que a percorre descubrir gran parte do noso patrimonio natural, a nosa historia, gastronomía e tamén os nosos viños, especialmente nas Rías Baixas, lugar que é “todo un paraíso do viño e das camelias”, indicou Nava Castro.

Durante o acto de presentación da campaña –celebrado na Bodega Urbana de Bilbao- serviuse, ademais, un cóctel elaborado polo cociñeiro galego Pepe Solla e ofreceuse aos numerosos asistentes servizos con produtos de camelia como puntos de té ou estética. Tamén se ofreceu a posibilidade de degustar os viños da D.O. Rías Baixas.

 
Arriba