Galicia incrementa en máis dun 20% os viaxeiros estranxeiros en febreiro e acada a cifra máis elevada desde o 2008
O mercado internacional superou tamén o nivel de pernoitas de febreiro de 2016, nun 16,2% neste caso, rexistrándose nos establecementos hoteleiros de Galicia máis de 52.000
Así mesmo, a nosa Comunidade incrementou no pasado mes o seu volume de viaxeiros global nun 3,7% sumando preto de 180.000, o nivel máis alto dos últimos nove anos
No pasado mes de febreiro Galicia incrementou o volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos nun 3,7% en relación a febreiro do 2016. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Este incremento engádese ao rexistrado nos tres anos anteriores continuando por tanto coa tendencia positiva iniciada en febreiro de 2014. Desta maneira, este crecemento leva a cifra acadada neste 2017 ao nivel máis elevado dos últimos nove anos, con preto de 180.000 viaxeiros no conxunto da Comunidade.
En termos de volume o incremento de viaxeiros acadado por Galicia no pasado mes tradúcese en máis de 6.300 novos viaxeiros en relación a febreiro de 2016.
En relación aos mercados, destaca o incremento presentado polo turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- do 4,5% no que se refire ao seu volume de pernoitas hoteleiras e do 4,2% no relativo a súa cifra de viaxeiros aloxados. Estas subidas sitúan o nivel global do turismo interno en case 125.000 pernoitas, a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.
Pola súa parte, o turismo internacional continúa na senda positiva dos últimos meses presentando un importante incremento en relación ao pasado ano. Así, este mercado superou nun 20,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,2% o nivel de pernoitas de febreiro de 2016. Este crecemento permite consolidar unha tendencia positiva e acadar con máis de 29.000 viaxeiros estranxeiros, a cifra máis elevada desde o 2008.
Primeiro bimestre do ano
No que se refire ao primeiro bimestre deste ano 2017 Galicia rexistrou tamén un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros, do 3,8% en relación ao mesmo período do pasado ano, acadando preto de 335.000.
O incremento deste ano engádese ao rexistrado nos tres anteriores continuando por tanto coa tendencia positiva iniciada no primeiro bimestre de 2014. Desta maneira, os incrementos consecutivos elevan a cifra global a case 335 mil no conxunto da comunidade, o nivel máis elevado dos últimos nove anos.